A subida do IBI crea polémica en Muros
Na sesión plenaria celebrada en Muros o pasado xoves 27 de xuño o grupo socialista, tendo que facer uso do voto de calidade da alcaldesa, aprobou o incremento do Imposto sobre os Bens Inmobles (IBI) tanto dos bens de natureza urbana como rústica. Deste xeito o IBI de natureza urbana pasa do 0'40% ao 0'60% e o de natureza rústica pasa do 0'30% ao 0'60%.
Chégannos hoxe as razóns dos edís de Compromiso por Galicia, explicando por que votaron en contra desta proposta. A alcaldesa aseguraba que a medida se toma para cumprir co Plan de Axuste pero dende a oposición critican "a pésima xestión e o malgasto de cartos públicos que o goberno municipal" polo que non consideran necesario que "a cidadanía de Muros pague máis en impostos neste duro momento de crise".
Dende CxG sinalan ademais que no plan de axuste aprobárase "subir só a contribución dos bens de natureza urbana e só durante os anos 2012 e 2013, non para todos os bens e para sempre como acaba de facer a alcaldesa". E ademais critica que o "goberno perdeu unha subvención de 150.000 € que o Ministerio de Industria concedera para a creación dun viveiro de empresas".
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa de María Xosé Alfonso Torres, coordinadora territorial de Compromiso por Galicia e concelleira en Muros.