Compartindo a nosa senlleira natureza polo día da Árbore
Se por Louro tiveron que poñerse de luto, por Muros e por Carballo puideron disfrutar dun Día da Árbore moi especial. Sobre todo as crianzas.
En Muros, o alumnado de 5" de primaria do CEIP Ramon de Artaza uniuse á familia da Asociacion de Discapacitados da Bisbarra de Muros para celebrar este Dia Mundial Forestal, cunha saída para prantar uns carballos. Gracias á colaboración da Comunidade de Montes de Serres puideron achegarse ao Mirador de Costa Grande para levar a cabo a actividade, tamén coa colaboración do persoal do Distrito Quinto.
Toda unha maneira de vivir o monte de primeira man.
Día da Árbore en Carballo
Ademais, por Artes, Carballo, 10 pequechos da escola unitaria participaron na declaración institucional para conmemorar a data que o Concello fixo no carballo de Vilar de Francos, o únixo exemplar pertencente ao Catáligo de Árbores Senlleiras de toda a Costa da Morte.
Algúns non o coñecían e asombráronse da envergadura da árbore, que, malia o seu mal estado, continúa sendo un exemplar impresionante.
As actividades do Día da Árbore continuarán este sábado ás 11.00 horas no Horto Infantil Ecolóxico Municipal, onde os nenos e nenas que participaron o ano pasado na xornada de apadriñamento e amadriñamento de landras poderán velas convertidas xa en carballos.
Luces verdes en Ponteceso
A Concellaría de Medio Ambiente está a celebrar o Día da Árbore con distintas iniciativas. Entre elas destaca a iluminación da ponte de Ponteceso, que dende a noite pasada, ademais da cor morada que lembra a loita diaria pola igualdade entre mulleres e homes, ten tamén varios arcos iluminados de cor verde.
A este xesto simbólico súmanse novas plantacións de árbores, arbustos e flores, dentro dun proxecto que nestes últimos anos, e malia os roubos e os actos vandálicos, permitiu incrementar en máis de 250 os exemplares arbóreos en todo o concello. Onte realizaron varias prantacións en Corme.