mércores. 04.06.2025
El tiempo

As crianzas de Carnota e Muros quedaron sen servizo de pediatría pero a Consellería reaccionou

  • A Consellería, por unha vez, cumpre con dilixencia e cobre a praza dende hoxe martes 3 de xuño.
Centro saúde Muros copia
As crianzas de Carnota e Muros quedaron sen servizo de pediatría pero a Consellería reaccionou

Lonxe de solventarse, a problemática co servizo de pediatría nos Centros de Saúde de Carnota e Muros segue complicándose. Á baixa de máis dun ano non cuberta dun dos dous pediatras do Centro muradán, únese esta semana a baixa da segunda pediatra, deixando sen servizo a case 2.000 crianzas dos dous concellos, obrigando ás familias a desprazarse a Cee, Outes ou Noia para recibir atención sanitaria.

Ante esta situación, a alcaldesa de Muros, María Lago, esíxelle ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, “a cobertura inmediata e de forma urxente das dúas prazas de pediatría no Centro de Saúde de Muros; non se pode seguir mantendo esta situación de abandono dun servizo sanitario esencial”.

“A situación está a obrigar ás familias a desprazarse, o que dificulta enormemente o acceso á atención sanitaria para os nenos e nenas da zona, impide un seguimento axeitado da súa saúde e supón unha grave vulneración do dereito á atención pediátrica”, sostén a alaldesa de Muros.

“Quero ademais salientar que estamos a piques de entrar na tempada estival, época na que os concellos de Muros e Carnota vén incrementada de maneira notable a súa poboación. Esta realidade pode provocar o colapso total do servizo de pediatría, poñendo en risco a saúde das crianzas locais e das familias que nos visitan”, remata a rexedora.
 

Información da Consellería

A Consellería de Sanidade informa que desde este martes día 3 de xuño, estará cuberta  a praza de pediatría do centro de saúde de Muros.

"Se esta praza non foi cuberta antes é porque resultaba inviable ao non haber pediatras dispoñibles nas listas de contratación, tal e como xa lle explicou o conselleiro de Sanidade no escrito remitido á alcaldesa o pasado 25 de abril", explica dende a Consellería.  

A Xunta volve aludir ao "déficit de profesionais na especialidade de pediatría, un problema que non é exclusivo de Galicia, senón que é común en toda España e ao que o Ministerio de Sanidade do Goberno de España debe dar solucións, tal e como vén reclamando Galicia".

Máis novas do conflito

Comentarios