mércores. 30.04.2025
El tiempo

Esteiro acende o motor, e os micros, para o XXXV Gran Prix e o Festival das Carrilanas

  • Tanxugueiras, Sidecars, The Rapants, Mondra, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Lontreira, Cool Nenas, Capital Voskov, Galician Army, Monoulious DOP, Quinkillada e Mekanika Rolling Band actuarán no Festival das Carrilanas, que contará con tres zonas de acampada gratuíta
GP Carrilanas de Esteiro 2023 © Alessandra Dosil  19
Imaxe do Gran Prix das Carrilanas de Esteiro 2023 © Alessandra Dosil
Esteiro acende o motor, e os micros, para o XXXV Gran Prix e o Festival das Carrilanas

O ano pasado foron 35.000 persoas as que gozaron desta Festa de Interese Turístico Nacional. Este ano, a ADC Carrilanas Esteiro pretende bater todas as marcas co seu completo programa arredor da XXXV edición Gran Prix das Carrilanas de Esteiro.

Un programa que arrinca este venres 19 de xullo, e ata o domingo haberá de todo na vila muradá. O gran reclamo son as carreiras dos singulares  vehículos artesanais sen motor, pero ademais haberá obradoiros e xogos infantís, espectáculos de circo, pasacalles e un mercado de artesanía forman parte dunha programación cultural de balde e dirixida para toda a familia, que tamén contará co evento musical Festival das Carrilanas, no que se darán cita, entre outras bandas, Tanxugueiras, Sidecars, The Rapants, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Mondra e Lontreira.  

O Gran Prix

Xa coa Costa do Maio adecentada con novas varandas de seguridade, o circuito esteirán está máis que preparado para a gran Baixada, esa proba que é orgullo da veciñanza e que sempre servirá para lembrar ao gran Gerente, o gran armadanzas desta festa finado en 2022.

Os descensos polo circuíto de ‘O Maio’ terán lugar a partir das 19.00 horas do domingo 21. Haberá tres categorías: Infantil (que poden pilotar as nenas e nenos menores de 18 anos ou acompañados de maiores), Carrilanas lentas (nas que prima a diversión e os disfraces) e Carrilanas rápidas, a máis espectacular de todas.

A inscrición no Gran Prix, que é gratuíta, terá lugar o sábado 20 de xullo, de 12.00 a 15.00 horas, na Alameda de Esteiro, na que tamén se exhibirán vehículos e que centralizará toda a actividade de lecer en horario diurno -espazo infantil, mercado de artesanía, zona gastro-. Na mesma xornada do sábado 20 levaranse a cabo as verificacións técnicas e administrativas así como a proba da Pole Position. 


Festival das Carrilanas

Imaxe dun concerto do Festival das Carrilanas
Imaxe dun concerto do Festival das Carrilanas

O Gran Prix acompañarase dunha ampla programación cultural, aberta a todos os públicos, e que se desenvolverá ao longo de toda a fin de semana para festexar, por todo o alto, o grande espectáculo galego das carrilanas. 

A principal cita será o evento musical gratuíto Festival das Carrilanas, no que as socias e socios da ADC Esteirana de Carrilanas -organizadora do evento- terán acceso prioritario. O venres 19, a partir das 21.00 horas (apertura de portas ás 20.15h) o público poderá asistir de balde, en Esteiro, aos directos que Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Mondra, Tanxugueiras, Lontreira e Cool Nenas ofrecerán no Escenario Vibra Mahou. O DJ local Meu Cariño amenizará os tempos de espera entre cambios de bandas desde o Escenario Artón. Ao día seguinte, o recinto -que este ano amplía a súa capacidade-, acollerá, desde as 21.15 horas, os concertos de Capital Voskov, Sidecars, The Rapants e Galician Army. Coma na xornada anterior, os momentos de cambios entre formacións contarán coas sesións ao vivo de DJ Bea Fernandes.  

O evento musical, que terá tres zonas de acampada gratuíta -e duchas tanto no pavillón deportivo coma no campo de fútbol-, tamén ofrecerá actuacións en horario diurno. Na mañá do sábado 20, Quinkillada será a responsable de inaugurar o escenario Vegalsa-Eroski ás 13.30 horas, situado na Alameda de Esteiro -xunto ao espazo infantil-; mentres que Monoulious DOP subirá a este palco á mesma hora o domingo 21, xornada na que, previamente, Mekanika Rolling Band actuará polas rúas da localidade.

Actividades infantís e artesanía na Alameda

Na zona da Alameda de Esteiro situarase, un ano máis, o espazo de actividades infantís, no que haberá numerosos xogos populares, obradoiros, animación e até un espectáculo de circo “terrorificamente divertido”. O sábado 20, ás 12.30 horas, a compañía AsSircópatas representará Abradacaver, o que permitirá vivir, en familia, unha experiencia teatral ateigada de risas e para todos os públicos. Na mañá do domingo 21, a actividade xirará arredor da temática Xogando miudiño, na que os xogos tradicionais terán especial protagonismo.

Moi próximo ao espazo de actividade infantil -e á exposición a ceo aberto das carrilanas- estará tanto a zona gastro comoo mercado tradicional de artesanía, que este verán celebrará a súa quinta edición e abrirá as súas portas desde mañá venres, entre 11.00 e 22.00 horas. 

Ademais, Esteiro tamén acollerá un taller de bixutería con crebas, nomeado Lixo Atelier, no que as e os asistentes poderán dar unha nova vida aos refugallos e redes de pesca que aparecen nas nosas costas dun xeito único e especial, transformándoos en pendentes, aneis e outras pezas de bixutería. O obradoiro, que terá lugar a partir das 16.00 horas do venres 19 nas Escolas do Areal, realizarase en colaboración co proxecto ecoloxista e artesán Lixo.

A celebración da XXXV edición do Gran Prix das Carrilanas de Esteiro, promovida pola ADC Esteirana de Carrilanas, conta co apoio de institucións públicas como o Concello de Muros, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia; ademais do patrocinio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que xera encontros en torno ao directo e de ABANCA. 

Mapa Carrilanas 2024

Máis info

 

Comentarios