Muros celebra unha comprometida fin de semana

Doble e comprometida sesión esta fin de semana en Muros. Se a Sala Nasmo artella un festival solidario, a Asociación Adisbismur tamén celebra o seu Festival Benéfico de Nadal.
Festival Benéfico de Adisbismur

A Asociación de persoas con discapacidade da bisbarra de Muros (ADISBISMUR) organiza este domingo, 16 de decembro, un festival benéfico a favor da entidade.
Ás 18:00 horas na casa da Cultura de Muros, a entidade ten preparadas
actuacións musicais, de baile, teatro e de vídeo nas que tanto van intervir as persoas usuarias do centro de recursos de Valadares como os seus monitores.
A entrada a este festival, que xa é o terceiro ano consecutivo que se realiza, custa 5 euros, sendo gratuíta para os nenos, e cada entrada inclúe dous números para o sorteo dunha cesta de Nadal.
A gala vai iniciar coa obra de teatro A boneca esquecida que van interpretar usuarios do centro de Valadares, para logo continuar coa actuación do grupo de folclore de Cacheiras Rosalía de Castro. Posteriormente haberá baile e a proxección dun vídeo no que se presentan as actividades desenvolvidas polo centro durante este ano. Outra actuacións posteriores serán de teatro, coa interpretación da obra A consulta da doutora Casilda, a proxección dun vídeo dos talleres do centro de Valadares e baile interpretado polos monitores do centro.
Este tipo de actividades intentan, aparte de entreter tanto a persoas usuarias como profesionais dos centros, tamén aos familiares e veciñanza co fin de que se acheguen a pasar un anaco de lecer e tamén o poder recadar fondos para investir noutras actividades do centro.
Fin de solidario coa Sala Nasmo

Ademais, esta "finde" haberá Mercadiño e Festival Solidario Sala Nasmo .
- Mercadiño Solidario, con venda de produtos para recadar fondos en beneficio de Cáritas. A cita é este venres, 14/12/2012 no Curro da Praza pola mañá dende as 10.30h, con obradoiros culturais e centros de ensino municipais.
- Festival Benéfico "Sala NASMO": coa Actuación dos grupos Re-acción e Archivo Adxunto para racadar fondos en beneficio de Cáritas. Será o sábado, 15/12/2012 ás 20:00h, no auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros, a 2,50 €.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).