Martes. 21.05.2024
El tiempo

A Coral Polifónica Virxe da Barca presenta novo disco

A Coral Polifónica Virxe da Barca presenta novo disco

Xa sabemos o potencial da Costa da Morte en materia coral. E as nosas representantes seguen triunfando por todo o país. Como a Coral Polifónica Virxe da Barca, que acadou un premio en forma de disco trala VI edición do programa Outra Outra.

O cd, o seu primeiro disco, xa está gravado e a presentación será ofrecendo un concerto no FNAC de A Coruña este sábado día 19 ás 19:30h da tarde. Só o feito de dar o salto a un establecimento como o coruñés dá conta do nivelazo.

Máis adiante, nunha data de decembro aínda por determinar, levarán a cabo unha presentación do disco en Muxía.

Un repaso á Coral muxiá

A Coral Polifónica “Virxe da Barca”, naceu en outubro de 1999, con Dona Rosario Vázquez Freire como directora.
Estaba formada nun principio por 22 integrantes sendo na actualidade 36 continuando coa mesma directora ao frente.

Ao longo desta ducia de anos de historia, a nosa coral adicouse a realizar un traballo de música vocal co que estudar e dar a coñecer tanto música sacra como profana, toda ela de variados estilos e épocas: clásica, barroca, renacentista… así como polifonía galega facendo igualmente incursións na música moderna, tanto propia como internacional.

De toda ela ofrecen unha ampla escolma no seu primeiro disco que conta, entre os seus 16 temas, con autores tan dispares como Juan del Enzina (“Más vale trocar”) ou Don Black e Andrew Lloyd Webber (“Amigos para siempre”), pasando por Haendel (“Canticorum iubilo”) e chegando a Antonio Burgos e Carlos Cano (“Habaneras de Cádiz”) sen esquecer a música tradicional da que presentan igualmente diversidade, música braisleira (“A chalana”) ou mexicana (“Las mañanitas”) sen esquecer a polifonía galega da que traballan arranxos tan clásicos como os de Rey Rivero (“Velaivai”) como algunha aportación nova da directora da coral (“A Rosalía”, “Catro vellos mariñeiros”, …) así como unha composición orixinal da mesma que abre e dá título ao disco, “Muxía é unha serea”.

A carátula do disco é obra da muxiana Vicki Rivadulla a quen a Coral encomendou expresamente esta tarefa.

É tradición que esta coral se encargue de solemnizar todas as celebracións relixiosas coas que o pobo de Muxía honra á súa patroa, a Virxe da Barca, cada mes de setembro.

Entre as múltiples actuacións que ten ofrecido:

  • Tres solemnes misas na TVG.
  • Participación no programa “Desde Galicia para el Mundo”.
  • Seleccionados para o concurso “Cantares Galegos” do programa “Luar” da TVG.
  • Misa solemne no Santuario de Fátima en Portugal.
  • Misa solemne na Basílica Real Santa María “A Maior” de Pontevedra dentro das celebracións polo milenario da súa fundación.
  • Participación no programa “A Solaina” da TVG en diversas ocasións, entre elas os programas especiais de Nadal 2010 e de celebración do Día de Galicia deste ano 2011.
  • Participa tanto en actos relixiosos como sociais para os que é requerida así como en múltiples encontros de corais organizados por entidades ou institucións.
  • Cada ano ofrece sendos concertos nas Letras Galegas e no Nadal organizados polo Concello de Muxía.
  • Forma parte da Rede Cultural da Deputación de A Coruña.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios