Luns. 29.04.2024
El tiempo

Muxía, orfa de Letras Galegas

RAG-LOPEZ-ABENTE-retrato de Quintás Goyanes copia
O muxián López Abente nun retrato de Quintás Goyanes
Muxía, orfa de Letras Galegas

É complicado atopar un Concello que non teña unha programación, por pequena que sexa, arredor das Letras Galegas, Un témolo na Costa, como denuncia neste caso o BNG, que critifca o “desprezo do goberno municipal” pola data, e xa confirma que “non vai haber ningún pacto con quen amosa unha ignorancia tan extrema e un desprezo tan patente pola nosa Cultura”.

Este ano dedícase o día 17 a Francisco Fernández del Riego, artífice da creación do día das Letras, cofundador da editorial Galaxia e membro da Real Academia Galega, pero no Concello de Muxía, o concello que ten o orgullo de ser o que maior índice de galego-falantes ten entre a mocidade e a infancia,l nada se ten feito ao seu arredor.

”En Muxía temos un autor homenaxeado o día das letras, Gonzalo López Abente, presidente das Irmandades da Fala e da Asociación de Escritores, ademais dun autor tan recoñecido que se lle dedicou do días das letras de 1971 a pesar de que non se cumpriran os 10 anos da súa morte como establecen os estatutos, o que da unha idea da súa relevancia. Somos o único concello da comarca de Fisterra cun autor homenaxeado nas Letras e tamén o único da zona que ten unha fundación dedicada a un escritor. Esta relevancia e a importancia do Día das Letras fixo que todos os gobernos municipais, de todas as cores, celebraran esta data, lembrando tamén ao autor”, explica o candidato González Concheiro.

”Todos os anos, antes de chegar este goberno ao concello, houbo un programa do Día das Letras con roteiros literarios, exposicións, charlas, representacións teatrais e obradoiros. Este é o primeiro goberno municipal que ningunea a D. Gonzalo López Abente e ao Día das Letras Galegas e isto resulta máis doloroso se cabe tendo en conta que é ademáis o alcalde o presidente da Fundación López Abente e a concelleira de cultura membro do patronato da mesma fundación, que están deixando morrer pola súa desidia e desinterese”, lamenta.

”Non hai concello que non se organice para promover conxuntamente a normalización lingüística. Non hai concello en Galicia que non celebre o Día das Letras. A nosa lingua é parte do noso patrimonio, a fala é quen nos permite nomear o noso mundo e como dícía Castelao, se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma. Os poderes públicos teñen a obriga, recollida no Estatuto e nas leis, de defender a nosa fala e protexer a nosa cultura. Non todo pode ser Combo Dominicano e Pili Pampin. En Muxía volvemos ser unha excepción, unha anormalidade democrática e cultural”.

Concheiro lembra ademais que o Concello deixou de de solicitar as subvencións para Normalización Lingüística ou para dinamización da biblioteca, que arestora segue pechada.

Comentarios