Concello e Política Social estudan o traslado da escola infantil de Muxía
07:09 24/11/16
A escola infantil de Muxía está actualmente ubicada nun piso de 63 metros cadrados
Despois da falta das deficiencias da escola municipal Muxía denunciadas o pasado verán os pais dos alumnos, o concello e Política Social mantiveron un encontro co fin de analizar a situación e estudar a viabilidade dunha nova escola infantil.
Así, o alcalde de Muxía - Félix Porto - e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar - Perfecto Rodríguez - mantiveron onte unha reunión na que analizaron o proxecto redactado no ano 2009 no que se estimaba un investimento de case 600.000 euros para un centro de catro unidades (61 prazas). Segundo manifestan nunha nota de prensa, este proxecto resulta excesivo e inviable economicamente polo que se inclinan por unha escola de entre dúas e tres unidades (20-41 prazas), "que se axustaría moito mellor á demanda real de prazas, cos aumentos futuros que se poidan producir", sinalan. Actualmente, a escola ten un total de 20 alumnos matriculados, sen ningún neno na listaxe de agarda.
Ubicación
Rodríguez e Porto coincidiron ademais en que ese proxecto podería desenvolverse no local do baixo do mercado municipal, que xa fora desafectado para tal fin polo concello, pero cun investimento moito menor, que sexa menos gravoso para ambas administracións, sen deixar de cumprir perfectamente coa finalidade que se persegue, que é conseguir un espazo máis moderno e amplo para a prestación deste servizo.
Neste senso, o rexedor local comprometeuse a que o concello redactará un novo proxecto - baixo supervisión e asesoramento do Consorcio -, cun orzamento máis axustado e realista. Unha vez concretado, Rodríguez e Porto volverán reunirse para estudar as posibles fórmulas de cofinanciamento.
Mentres non se concrete o proxecto e poidan comezar as obras, Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, realizará obras de mellora por valor de case 12.000 euros na escola infantil “Galiña Azul”, que funciona na actualidade nun baixo alugado do concello de Muxía. O obxectivo é subsanar algunhas deficiencias que presenta o centro e aproveitar ao máximo a súa superficie útil.
Novas relacionadas
- O PP de Muxía acusa ao alcalde como o responsable da falta de espazo na escola infantil Galiña Azul
- O PP de Muxía denuncia a falta de axudas económicas para o CEIP de Vilarmide
- Redacción QPC ([email protected])