Sábado. 04.07.2020
El tiempo

“O estado no que está o Santuario é unha vergoña. Non vou quedar cos brazos cruzados”

Iago Toba no Santuario da Virxe da Barca
Iago Toba no Santuario da Virxe da Barca
“O estado no que está o Santuario é unha vergoña. Non vou quedar cos brazos cruzados”

A restauración do retablo da Virxe da Barca continúa de actualidade estes días. E cando falamos de temas tan delicados, como xa acontera en 2015 ao veren como quedara a Igrexa trala primeira restauración, o anuncio do alcalde Iago Toba de retomar o proxecto de reconstrución do Altar Maior do Santuario da Virxe da Barca está xerando controversia e divisións.

O voceiro do BNG local Carlos Fdez. Concheiro lembraba que “a Barca é patrimonio mundial” e crtiticaba que unha “imitación carece de valor”, pedindo ao Concello que “faga caso dos expertos”.

Hoxe, o propio alcalde muxián sae defendendo que “os veciños e veciñas de Muxía ten tanto dereito a opinar como os expertos”, e propón pedirlle opinión á veciñanza para resolver “democraticamente” a situación. “É garantía de éxito a toma de decisións dun grupo de expertos, sen tomar en conta a opinión do pobo?”, pregúntase, ao tempo que critica ao voceiro da oposición que non se lembrase do tema nestes últimos anos.

Sobre a solución, Toba pregúntase tamén: “É incompatible traballar na vía da construción dunha replica, totalmente viable economicamente (sempre sen utilizar cartos do concello) e tecnicamente con que o grupo de expertos traballen na busqueda de financiación para esa gran obra orixinal que nunca dá chegado? “Inflúe moito, no resultado final, ou na elección final, o sentimento que se poida ter ao Santuario, á contorna ou a mesma Virxe, ao que alguns non o queren nin nombrar?”.

Toba aproveita para lembrar o criticado traballo das “expertas encargadas de facer a restauración despois do incendio, que se olvidaron en todo momento da opinión da veciñanza”, ou da comisión de expertos, que non foi quen de facer abalar a nosa “Pedra de Abalar” gastando miles de euros. “Si lles fixeran algo de caso aos veteranos do pobo, que coñecen a pedra porque naceron nela, podería ter outro resultado?”, pregunta.

A situación real

O propio alcalde recoñece que “o estado no que está o Santuario é unha vergoña, e por moitas voces que saian agora, ata o día de hoxe ningún dos que agora falan, critican, opinan… non fixeron absolutamente nada palpable para sacar ao Santuario desta situación, e seguimos como estabamos”.

Por iso, “non vou quedar cos brazos cruzados por medo á polémica, e vou traballar nunha vía na que creo, escoitando o sentir do pobo”.

”Non o conseguiremos, pero que non sexa por non intentalo. Imos traballar, buscar financiación, buscar talleres, e presentar feitos”, remata.

Novas relacionadas

comentarios