Xoves. 03.10.2024
El tiempo

A Galería de Mulleres estrea o 2020 coa mestra republicana ceense Mercedes Romero Abella

Portada galería de mulleres xaneiro 2020
Mercedes Romero Abella
A Galería de Mulleres estrea o 2020 coa mestra republicana ceense Mercedes Romero Abella

A Galería de Mulleres da Biblioteca de Muxía comeza o 2020 adicando o mes de xaneiro a Mercedes Romero Abella (Cee 1907- Aranga 1936), unha mestra republicana. O seu pai, Manuel Romero, traballaba como fotógrafo na vila de Corcubión, onde vivirá a familia durante os primeiros anos de vida . Estudará na Escola Normal do Maxisterio da Coruña .Así toma contacto con esta cidade progresista e berce do republicanismo. Calla nela un ambiente cultural e político que é un fervedoiro de ideas.

Comeza a exercer de mestra en diferentes lugares e casa con Francisco Mazariegos Martínez, empregado de banca e sindicalista da UXT no Banco Pastor. En 1936 era mestra en Monelos. Tras o golpe de estado o seu home é asasinado, fusilado en Punta Herminia e ela decide partir, xunto cos fillos, a América. Para iso, inicia as xestións para obter os pasaportes e documentos que lle permitan exiliarse, mais non o conseguiría.

Os falanxistas cortáronlle o paso e detivérona na cidade .Foi violada e torturada. Máis tarde, foi fusilada en Aranga e soterrada nunha foxa común en Vilarraso, a foxa común máis grande de Galicia. Quedaron dous fillos orfos de nai e pai: Marisa con 4 anos e Enrique con só 3 anos.

Esta mestra foi exhumada da foxa de Vilarraso de Aranga (con 37 corpos no seu interior) e identificada grazas ao inmenso traballo da Asociación para a Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo (ARDF). Din que nos seus restos apareceu unha poderosa arma: un lapis de grafito.

“A derradeira lección da mestra
 foi alongarse da preposición propia
 indo contracorrente cara a suma. 

A derradeira lección da mestra
 foi debuxar con xiz sobre o verbo 
as ondas orixinais de Corcubión “ (FRAGMENTO DE POEMA DE CLAUDIO RODRIGUEZ FER , ADICADO A MERCEDES)

 

Galería Mulleres Muxía

 

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios