luns. 24.11.2025
El tiempo

As Letras Galegas polas Cantareiras: un éxito sen precedentes

  • Henrique Monteagudo, presidente: “Emociónanos a positiva recepción destas Letras Galegas entre a xente máis nova, que goza da tradición e que lle abre novos vieiros. A través dela, conecta co uso e o coñecemento da lingua galega”.
  • Xabier Díaz, músico: “Estas foron as Letras Galegas máis expansivas, acadaron un achegamento moi importante á sociedade en xeral. Eu desde logo estou moi contento, e penso que Rosalía de Castro tamén o estaría”
Simposio da RAG en Muxia sobre as Cantareiras
As Letras Galegas polas Cantareiras: un éxito sen precedentes

Acolleu este sábado o Parador de Muxía, o Simposio co que a Real Academia Galega dá por concluído este ano no que as Letras Galegas foi dedicado ás cantereiras e a Cultural popular oral.  Un ano histórico, que abre as perspectivas de futuro para a tradición. “A RAG está moi satisfeita coa extraordinaria acollida que estas Letras Galegas tiveron en toda Galicia”, destaca o presidente da institución, Henrique Monteagudo, que incide especialmente no seu impacto positivo na relación entre lingua e mocidade.

“Neste peche do Ano das cantareiras, queremos agradecer a grande implicación de persoas e colectivos que conforman o tecido asociativo cultural de base, que foi fundamental para o seu éxito, e expresar a nosa ledicia por que contribuíse á visibilidade e ao apoderamento das cantareiras de cada concello, de cada parroquia, que foron homenaxeadas en todos os recantos do país. Pero se algo nos emociona é constatar a positiva recepción da xente máis nova, que goza da tradición e que lle abre novos vieiros, e que conecta a través dela co uso e o coñecemento da lingua galega”, salienta o presidente da RAG.

Simposio da RAG en Muxia sobre as Cantareiras 3

Henrique Monteagudo inaugurou o simposio xunto á académica María López-Sández; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o alcalde de Muxía, Javier Sar, que interviñeron en representación das institucións que colaboran na organización dun simposio que tamén conta co apoio económico do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Os eixes do encontro

Simposio da RAG en Muxia sobre as Cantareiras 2

No balance dos últimos meses e neses novos camiños da tradición afondaron na mesa redonda que moderará Ana Boullón, impulsora da candidatura das Letras das cantareiras, en conversa cos músicos Xabier Díaz e Richi Casás (neto e sobriño neto de Rosa e Adolfina Casás, dúas das sete cantareiras nas que se personificou este 17 de maio), e a técnica do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galega, Isabel Vigo. Boullón subliña a importancia deses vieiros que se abren no mundo tradi para a súa propia saúde e lonxevidade. “Este ano celebramos o camiño que nos trouxo ata aquí, as mulleres que nos transmitiron e crearon esta tradición centenaria, pero para sobrevivir a tradición ten que adaptarse aos novos tempos. As novas figuras da nosa música tradicional é o que están a facer, e é o que precisamos para conseguir oíntes entre a xente nova, que é o que nos interesa. É certo que pode haber uns camiños máis ortodoxos, que continúen a tradición tal e como era, pero o futuro precisa esoutras vías”, considera a secretaria da RAG.

“Eu creo que hai certa unanimidade en que foi estas Letras Galegas foron cando menos unhas das máis expansivas. Non só implicaron unha cantidade importantísima de xente vencellada á música tradicional e ao seu movemento asociativo, tamén acadaron un achegamento moi importante á sociedade en xeral. Eu desde logo estou moi contento, e penso que Rosalía de Castro tamén o estaría”, enfatiza Xabier Díaz.

Richi Casas Simposio da RAG en Muxia sobre as Cantareiras
Richi Casás

A mesa redonda sobre xénero e clase, moderada por Antón Santamarina, contou co investigador Domingo Blanco, a profesora e intérprete de música tradicional Branca Villares e a etnomusicóloga Xulia Feixoo, encargada ademais de pronunciar a conferencia inaugural. O musicólogo Sergio de la Ossa e o estudoso dos cancioneiros Manuel Rico Verea son tamén protagonistas desta cita á que lle porá o ramo a A.C. Abaladeiras de Muxía cunha actuación musical que dará comezo ás 19:30 horas.

En Vídeo

“A voz colectiva é un modo de facer comunidade”

A percusionista e etnomusicóloga Xulia Feixoo Martínez , especialista en música galega de tradición oral, afondou no relatorio de apertura do Simposio das Letras Galegas 2025 no coñecemento legado polas cantareiras. “O coñecemento transmitido polas cantareiras emerxe das prácticas da escoita e fica inscrito na voz e nos corpos colectivos. É un saber que excede a análise musical tal e como é entendida na praxe académica occidental, e maniféstase no propio acto de cantar e bailar xuntas”, explica a investigadora, que lle presta atención especial no seu estudo á foliada como fenómeno sociocultural contemporáneo.

Feixoo propón aproveitar este legado para pensarmos o presente e reforzar o comunitario. “A tradición das nosas cantareiras demostra que a voz colectiva foi tamén un modo de facer comunidade, de crear vínculo e de habitar o territorio. Nun tempo no que a modernidade tardía tende á uniformidade sonora e á estandarización das prácticas, o ronsel do cantigueiro segue ofrecendo outra forma de coñecer e de estar no mundo: unha forma de estar no mundo que entende a nosa música e o noso baile como forzas vivas que continúan a trazar as coordenadas colectivas do noso territorio”, suxire.

As competicións de regueifas, un “espectáculo popular rural”

Domingo Blanco, investigador no ámbito da literatura galega de tradición oral, achegou a esta cuestión da clase no cancioneiro a través dos anos de esplendor da regueifa. Autor de obras como A Poesía Popular de Galicia (1745-1885), que recolle as máis de 9.000 coplas publicadas desde Sarmiento ata o cancioneiro de Pérez Ballesteros que recompilou para a súa tese de doutoramento, e Historia da literatura popular galega (1994), profundará neste “subxénero das cantigas populares” que consiste nunha disputa dialéctica improvisada e en verso, e analizará como foi transformándose desde o século XIX ata finais dos anos 70 do XX mor da influencia urbana.

“As regueifas son un xénero absolutamente rural e constituíron un espectáculo popular deste mundo de moito éxito. Son por natureza política e socialmente incorrectas, mesmo obscenas, pero estes cantos de controversia foron cambiando de ton e no tratamento que lles daban ás persoas das que falaban a medida que mudaban os gustos da xente”, explica o filólogo. 

Simposio da RAG en Muxia sobre as Cantareiras 4

Máis novas

 

Comentarios