Lixo planetario e agochado no Coído de Touriñán

Pasaron 5 anos dende a última limpeza do voluntariado de Mar de Fábula no Coído de Touriñán. 5 anos nos que ninguén se lembrou de que, pola súa orientación, é un punto de atraque do lixo mariño chegado de todo o planeta. Este pasado domingo 13 persoas voluntarias da entidade camellá acodían á chamada de acción directa e concienciación.
A simple vista, xa a cantidade de lixo indicaba que ían ter traballo, pero o máis perturbador, foi comprobar que baixo a vexetación, ao cruxir dos pasos sobre unha alfombra verde, moreas de botellas, anacos de porexpan e poliuretano, plástico duro de todas as procedencias imaxinables e demáis plásticos, delataban a súa presenza.
O tempo respectou e foron recibidos por unha divertida familia de golfiños, para comezar con boa actitude as dúas horas de limpeza. Retiraron nada menos que 270 kg de lixo mariño, dos cales, 20,5 kg, só de botellas de plástico (sacos amarelos).
”Unha gran cantidade, sí, pero, e todo o material contaminante que continúa agochado?”, pregúntanse dende a entidade, animando aos excursionistas do Camiño dos Faros, a retirar aos poucos o lixo pouco pesado (botellas, envases..), e así devolverlle á natureza os beneficios que ela a mans cheas nos ofrece.

Máis novas