Muxía charlou e bailou Comarea
Vestiuse de gala Muxía esta fin de semana para a VII edición do Festival Comarea. Esta cita artellada pola cooperativa cultural Horta Creativa, trata de ofrecer, en plena ponte decembro, unha oferta cultural de calidade, e tralo acontecido, saen moi satisfeitos deste segundo ano co novo formato: 3-4 días de actividades diversas en temporada baixa.
Porque a resposta foi fantástica, completando unha ponte espectacular, enchendo de moita música, pero tamén con obradoiros, charlas e gastronomía, diferentes puntos da vila da Barca. “Cremos que se pode consolidar este formato”, aseguran esperando un 2026 “máis e mellor”.
Obradoiros, charlas e limpezas
Arrincou o festival xa o xoves 4 co obradoiro de percusión de Andrés, de “Latexo Percusión”. Unha cita na que se cubriron o cupo de 20 prazas, quedando xente fóra, o que dá conta do interese xerado arredor do festival.
O venres, tocaba charla no Bar Caramba, cunha sesión sobre a importancia da dinamización cultural para a mocidade dunha comarca coma a nosa. Ademais dun fermoso debate, coñecéronse polo miúdo proxectos concretos como a compañía Talía Teatro, da man de Artur Trillo; a ESMU de Carnota, con Ali Uhia; e o Asalto ao Castelo, con Míchel Antelo, da Cherinkas.
Xa comezou a soar a música nos bares da vila, con Skanderani no Bar Plaia das Lanchas, cunha gran acollida sendo esta proposta de levar a música en directo aos establecimentos un dos grandes éxitos do festival.
O sábado arrincaba pola mañá, cunha recollida de lixo nas praias da Cruz e Espiñeirido, recollendo 73,5kg de lixo mariño entre as 15 persoas voluntarias que participaron. A xornada remataba cun taller creativo e unha divertida sesión vermú, con Pulpiño Viascón, que este ano volvía para encher de bravú o Bar A Dorna.
A músicas nos bares, os grandes reclamos
Tamén estaiveron cheos os concertos no bares da xornada do sábado, cun ambiente moi chulo e moi sano, coa xente bailando moito, e comendo moi rico… movéndose de bar en bar para ver a Antela no Bar O Porto, a Balklavalhau no Vén de Tapeo, e a Zars B no M.E. Café.
Domingo no Camping
O domingo, e xa de pago, a festa central do festival celebrouse, baixo carpa, no Camping Lago Mar. Gran asistencia de público etriunfou Carlangas, cos seus divertidos ritmos, e Raz & Afla, que puxo a bailar a toda a carpa.
Radio Escolar
Mención especial merece o proxecto de radio escolar promovida por Comarea con varios rapaces e rapazas do CEIP Os Muíños. Os mini reporteiros estiveron en todas as citas do festival preguntando cos seus micros, tomando nota, e convertindo enn realidade a intención da cooperativa de involucrar ao máximo á rapazada da vila.

