Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Xosé María Lema Suárez leva a súa Costa do Solpor por primeira vez ao seu escenario

Xosé María Lema Suárez leva a súa Costa do Solpor por primeira vez ao seu escenario
Parte da novela Costa do Solpor de XM Lema Suárez transcorre en Arnela

Esta será a primeira, tras moitas por toda Galicia presentación da novela "Costa do Solpor", de Xosé María Lema Suárez, que se fai nun dos tres escenarios principais da novela (Fisterra, Camariñas e Muxía), pois no territorio muxián atópanse lugares como a Furna da Buserana, a Arnela, a casa do Crego Sabio etc.

De aí o simbólico e particular interese que ten a cita deste venres, 21 de xuño, ás 21:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Muxía, para abrir unha fin de semana de teatro local muxián. Ao carón do autor, colaborador desta casa, estarán Félix Porto (Alcalde de Muxía), Manuel Vilar Álvarez (antropólogo) e Alexandre Nerium (poeta), facendo deste un momento auténticamente pirata.

Unha vez máis Muxía reafirma o seu ser como lugar literario, esta vez da man dunha persoa que coñece coma ninguén o patrimonio e a historia da Costa da Morte, historia que se mestura cunha trama de acción e aventuras que engancha ao lector dende as primeiras páxinas.

Esta novela – publicada por Edicións Xerais- vén unirse xa aos obxectivos do Proxecto Buserana pola recuperación do patrimonio inmaterial de Muxía, pois inmortaliza, unha vez máis, este patrimonio e este territorio dentro da literatura galega.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios