Xoves. 02.05.2024
El tiempo

O Balonmán Encaixe acadou unha importante vitoria no derbi coruñés

O Balonmán Encaixe acadou unha importante vitoria no derbi coruñés

O Balonmán Feminino Encaixe-Camariñas saíu vencedor do derbi coruñes ante o Balonmán Narón por un claro 22-27. Os dous únicos conxuntos femeninos da provincia enfrontábanse nun encontro que se adiviñaba emocionante e igualdado ata os derradeiros minutos, e así foi.
As palilleiras ascenden ata a 9ª posición con 5 puntos.

Datos do encontro

  • Resultado: Balonmán Narón, 22 - Balonmán Encaixe, 27.
  • Narón: Jennifer, Alesandra (1), Lucía (3), Jessica, Sofía (3), Silvia (1), Carla, Iris, Nerea (1), Berta, Raquel, Noelia (1), Noelia (7), Nerea R. (5).
  • Balonmán Encaixe: Sara, Sandra, Aida (3), Cris B. (9), Jessica, Nerea, Minchu (6), Verónica, Sara G. (4), Cris S., Laura (4), Karina, Alicia (1).

As camariñanas foron por diante durante os sesenta minutos, a non ser nos primeiros quince, nos que se alternaron varios empates no electrónico. As do Encaixe saíron moi metidas no encontro e coas ideas moi claras en defensa, as laterais locais non atopaban boas situacións de lanzamento ante a presión camariñana, as extremos non eran quenes de desbordar no un contra un e os pases a pivote eran ben interceptados polas defensoras palilleiras. As visitantes aproveitaron o desconcerto do ataque ferrolán para acadar varias recuperacións de balón e imprimirlle máis velocidade ao xogo mediante contragolpes directos que lle permitían manter a mínima vantaxe no electrónico; no ecuador do encontro, o marcador reflictía un 11-12 a prol das da Costa da Morte.

Na segunda metade o Encaixe chegou a despegarse cunha diferencia de ata cinco goles; a defensa mixta das de Narón sobre Minchu deixaba máis espazos atrás, Ali apoiaba ben ás súas compañeiras dende o pivote, permitindo que Laura e Cris Bareriro recibisen en carreira e acadasen situacións claras de gol ante a portería local, ao mesmo tempo, Minchu debordaba facilmente en ataque para que Sara e Aida finalizasen con éxito dende os extremos, e Sara Morandeira facía o propio en portería. Nos derradeiros cinco minutos, un amago de reacción local reducindo a diferencia a tres goles, foi rexeitado por varias paradas de Sara baixo os paos. Ao final o resultado foi un xusto 22-27 favorable ao Encaixe.

Os apuntes do míster

O adestrador Bruno López amosouse satisfeito co triunfo das súas pupilas e coa actitude coa que o equipo afrontou o derbi: “son dous puntos importantes nunha pista complicada, plantexamos ben o encontro defensivamente e en ataque tivemos a tranquilidade e a movilidade necesarias para atopar os erros do rival; a pesar de todo o Narón nunca deixou de loitar e púxonos as cousas complicadas ata o pitido final, hai que felicitalas tamén; agora toca seguir traballando e adquirir maior regularidade na actitude á hora de afrontar os próximos encontros ”.

Vindeira cita

O Encaixe descansará esta xornada polo parón da competición, pero a vindeira semana recibirá ao Atlético Bueu, rial directo que precede ás palilleiras por 2 puntos.

Máis información

Novas relacionadas

Comentarios