mércores. 30.04.2025
El tiempo

A Aldea do Couto estrea as portas da súa envexable Escola de Verán

Cativada da escola de veran do Couto
Cativada da escola de verán do Couto na edición do ano pasado
A Aldea do Couto estrea as portas da súa envexable Escola de Verán

É tradicionalmente o mes de agosto o mes máis especial para as aldeas do rural galego. Os nenos das familias emigradas volven a casa dos avós e enchen as aldeas de vida. O caso da aldea do Couto é aínda moito máis acusado. A súa Escola de Verán é a envexa de todo o país, e este ano, na súa 42ª edición, son máis de 350 nenos e nenas entre 3 e 16 anos os que gozarán desta iniciativa, promovida pola Casa da Muller e a Fundación Eduardo Pondal.

Dende o 1 ao 30 de agosto, de luns a venres, os pequenos desfrutarán dun variado programa de actividades, deseñado para o seu desenvolvemento e diversión.

A Escola de Verán ofrece un horario de madrugadores, de 8:50 a 10:30, seguido do horario principal de 11:00 a 13:30, garantindo así unha ampla cobertura para as familias. Un equipo de 32 monitores de tempo libre, moitos deles formados na escola da Fundación, serán os encargados de coidar e guiar aos participantes ao longo de toda a xornada.

As actividades da Escola de Verán inclúen deporte, xogos, educación vial, música, baile, manualidades, talleres artísticos e saídas pola contorna, ofrecendo aos rapaces unha experiencia completa e enriquecedora. Ademais, haberá convidados especiais, un clásico desta escoliña, que sorprenderán aos pequenos. O día a día será compartido nas redes sociais a través do noso perfil de Instagram @escoladeveran, onde as familias poderán seguir todas as novidades.

Os nenos e nenas estarán albergados na sede da Fundación Eduardo Pondal, distribuídos en 12 carpas alugadas que levan os nomes das casas da aldea que, aínda que xa non están habitadas, seguen formando parte da memoria e da historia do Couto. Con este xesto, quérese render unha homenaxe a esas vivendas e darlles de novo vida a través do bulir dos cativos.

Parte esencial da Escoliña de Verán é a veciñanza, que amablemente ceden espazos e comprenden os pequenos inconvenientes como o corte de rueiros para garantir a seguridade dos nenos.

Unha mención especial merecen as 11 persoas voluntarias sénior que traballarán man a man cos nenos e nenas en diversas actividades e estarán presentes nos momentos de entrada e saída para coidalos e asistirnos. 

Grazas a máis de 40 persoas implicadas, a Aldea do Couto transfórmase nun espazo cheo de vida, enchendo as súas rúas, prazas, eiras e cabanotes coas risas e o entusiasmo dos máis pequenos.

O mes rematará co #EscoliñaFest, un dos festivais escolares máis divertidos da comarca, que ademais dá paso ao espectacular Festiletras.

Máis novas

 

Comentarios