A ampla oferta de FP do IES Eduardo Pondal

O IES Eduardo Pondal de Ponteceso continúa consolidándose como un referente na formación profesional na Costa da Morte. O centro ofrece unha ampla variedade de opcións formativas orientadas a proporcionar ao alumnado coñecementos técnicos, experiencia práctica e unha inserción laboral efectiva, tanto a nivel local como internacional.
Entre as súas propostas, inclúense dous ciclos de formación profesional de grao básico. Un deles é o de Transporte e Mantemento de Vehículos, que permite ao alumnado obter o título da ESO e formarse como axudante de taller, con especialización en carrozaría e electromecánica. O outro é o ciclo de Actividades Domésticas e Limpeza de Edificios, co que tamén se pode obter a titulación da ESO e prepararse para traballar no ámbito da limpeza e hixienización, tanto en domicilios particulares como en empresas públicas ou privadas.
No centro impartiranse tamén catro ciclos de grao medio. Electromecánica de Vehículos, onde se forman para realizar mantemento e montaxe de compoñentes en sistemas de mecánica, hidráulica, pneumática e electricidade aplicados á automoción. Carrozaría, enfocado na reparación e transformación de vehículos, especialmente na súa estrutura e equipamentos. O ciclo de Construción, recentemente autorizado en formato dual intensivo, destaca pola súa colaboración con empresas como Vipecom Galicia, Vayre, Mouzo, Souto ou Casas Cube, que acollen ao alumnado nas súas instalacións durante os dous anos de formación e ofrecen unha retribución económica mentres se especializan na execución de obras de albanelaría e formigón. Ademais, o ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia ofrece formación tanto para o coidado domiciliario como institucional, cun enfoque asistencial, psicosocial e de apoio á xestión doméstica.
A oferta complétase cun ciclo superior en Automoción, tamén en formato dual intensivo, onde os estudantes alternan dous días semanais no centro educativo con tres días en empresas do sector, moitas delas da comarca e da provincia. Este sistema permite unha aprendizaxe práctica remunerada e facilita a entrada ao mercado laboral. O título abre portas a múltiples saídas profesionais, como a construción e mantemento de automóbiles, vehículos pesados, maquinaria agrícola, traballos en ITV, aseguradoras, empresas de alugueiro ou fabricantes de compoñentes.
Ademais, o IES Eduardo Pondal ofrece un Máster de Especialización en Inspección Técnica e Peritaxe de Sinistros en Vehículos Automóbiles, tamén en modalidade dual. Conta coa colaboración de empresas da provincia e dalgunhas multinacionais, o que permite ao alumnado acceder a estadías formativas incluso no estranxeiro. Esta formación especializada está pensada para quen queira desenvolver a súa carreira en áreas como a peritaxe de vehículos sinistrados ou a inspección técnica.
Para facilitar o acceso ao centro, o instituto dispón dun servizo de transporte con conexións desde diferentes puntos da comarca, como Carballo, Laxe ou Malpica.
O compromiso do IES Eduardo Pondal coa calidade educativa reflíctese tamén na súa aposta pola internacionalización, participando activamente en programas como Erasmus+, que permiten ao alumnado adquirir experiencias e competencias valiosas no estranxeiro. O obxectivo é claro: formar profesionais cualificados, preparados para os retos actuais nos sectores da automoción, a atención social e a construción.