Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Así é o acordo de investidura entre Adiante por Ponteceso e PP

Adiante por Ponteceso
Equipo de Adiante por Ponteceso
Así é o acordo de investidura entre Adiante por Ponteceso e PP

Esta pasada noite de xoves, o PP chegaba a un acordo con Adiante por Ponteceso. Un edil fundamental para, sumado aos dous xa comprometidos do Partido Galego, conseguir o obxectivo común de evitar a reelección de Lois Carballido tras unha lexislatura esperpéntica, e investir a José Manuel Mato (PP) no pleno deste sábado 17 de xuño como novo alcalde.

O grupo comandado por Roberto Andrade envía este comunicado para explicar as claves do seu apoio á investidura, que non á formación de goberno:

Adiante por Ponteceso, en só uns meses e seguindo uns principios estabelecidos no seu inicio e acordados por todos os seus membros, convértese no grupo político responsable de elixir un goberno co que cimentar a estabilidade que buscábamos para o noso concello (en caso de que non se produza a última hora o fenómeno do transfuguismo). Responsabilidade que nos veu dada e que asumimos entre todos a partes iguais ao votarmos entre as dúas opcións posibles. E responsabilidade que lle debemos á confianza e o apoio depositados en nós polos máis de 400
veciños que nos votaron.

Con esta actuación demostramos que este voto é práctico e eficiente e con el aseguramos a tranquilidade de aqueles que nos elixiron e que puideron ver como as nosas palabras se traducen en realidade: non pactamos nen co señor Carballido nen co señor Mato, nen estamos en política para buscar postos de traballo ou soldos. Adiante por Ponteceso, por tanto, afírmase como forza vital e necesaria para mudar a forma de facer política no noso concello. Sentido común, diálogo,
negociación efectiva e acordos son varias das bases coas que creamos a agrupación e coas que vamos facer oposición ao longo dos próximos catro anos. Non vamos antepor cuestións ideolóxicas ou diferenzas persoais á gobernabilidade de Ponteceso.

Despois de dúas semanas de negociacións, tras escoitar varias ofertas e barallar todas as opcións posibles, buscando o mellor para o noso municipio, Adiante por Ponteceso decide apoiar a investidura do candidato do PP á alcaldía, José Manuel Mato. Deste xeito, priorizando as necesidades e o bo goberno de Ponteceso, o Partido Popular e Adiante por Ponteceso marcan uns obxectivos comúns e ambos adquiren o compromiso de traballar nesta liña en colaboración coa
Consellería de Política Social para dotar a Ponteceso dun Centro de día que permita afrontar ao concello as necesidades de dependencia, cada día máis presentes no noso medio.

Con esta actuación non estamos afirmando que nos guste o goberno que formarán o PP e o PG. Pero tamén é certo que o obxectivo primeiro era evitar a continuidade do Sr. García Carballido e o seu legado e cumprimos con ese obxectivo. Apoiar unha investidura non é o mesmo que formar un goberno cunha forza política. E ademais, a nosa decisión foi acompañada dunha demanda, un dos puntos que figuraban no noso programa electoral.

MÁIS NOVAS DAS ELECCIÓNS

Comentarios