Venres. 29.03.2024
El tiempo

Carta de Ángel Suárez Baneira: “Non existe ningún camiño público que cruce as miñas fincas”

Espazo por onde ten que pasar un camino publico en Corme
Carta de Ángel Suárez Baneira: “Non existe ningún camiño público que cruce as miñas fincas”

En resposta á Carta aberta de Ramón Pasandín, o outro afectado polo posible derrubamento do muro da discordia en Agra dos Condes (Corme), Ángel da Baneira, quere enviar, a través da Asociación de Veciños Eduardo Pondal, esta outra Carta, na que ademais responde ao alcalde de Ponteceso, que lle chamou “usurpador”.

Carta aberta á Asociación, aos veciños de Corme e do Concello de Ponteceso, de Ángel Suárez Baneira

En primeiro lugar, debo sinalar que non existe ningún camiño público que cruce as miñas fincas. O Concello de Ponteceso e Ramón Pasandín Regueira, sacaron unha nota de prensa e unha carta, aludindo como probas da existencia dun camiño público sobre a miña finca, información do Catastro e do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Pois ben, non existen antecedentes no Catastro da existencia de ningún camiño público. O Ctastro en si mesmo non califica a natureza dos camiños que poidan aparecer grafiados no mesmo, e neste caso, non existen antecedentes anteriores ao 2003. En canto ao PXOM, é do 2015. Porén, estase silenciando polo Concello e Ramón Pasandín que no anterior PXOM, do 2002, non aparece grafiado ningún camiño sobre a miña finca, como pode apreciarse.

O Concello pretende xustifica a existencia dun camiño público en base ao plano do Catastro, que data de 2003, e do PXOM, de 2015, e que nin sequera coinciden entre eles á hora de delimitar por onde pasaría o camiño. De feito, segundo o Catastro, o camiño discorrería dende o portalón de entrada da miña finca, sen afectar aos muros, e no PXOM, o camiño pasa por riba do muro, pegado ás casas colindantes.

De feito, o Concello pretende facer valer o trazado do PXOM en 2015, que é un plan mal feito e erróneo, se ninún antecedente da súa existencia, que é o máis ilóxico e dañino para a miña propiedade, pois en ningún plano o camiño discorre por riba do muro da miña finca, que leva décadas levantado. Segundo o Concello eu teríao pechado en xuño de 2018, cando o certo é que nas fotografías e planos existentes pode apreciarse que o muro leva máis de 20 anos erguido, como ben sabe toda a xente da vila.

É máis, para que ese pretendido camiño transcorrese por onde sinala o Concello debería pasar por riba do meu pozo, e por riba dos antigos muros, e do galiñeiro que había na miña finca, como se evidencia en fotografías aportadas ao concello, das que se fixo caso omiso.

A situación é francamente inverosímil, posto que o trazado do PXOM de 2015, tal e como está trazado, discorre mesmo parcialmente sobre as edificacións existentes da miña propiedade, que levan máis de 50 anos levantadas. O Concello fala de demoler o muro e o peche da miña finca, pero é incapaz de dar resposta ás cuestións formuladas.

Tales eran as dúbidas existentes, que nos dous Plenos celebrados sobre o camiño, produxéronse profundas discrepancias ao respecto. Así, no Pleno do 28 de xaneiro de 2019, o acordo para decidir se se declaraba ou non o camiño como público, sa´íu adiante a proposta da alcaldía por tan só un voto de diferencia entre os concelleiros, cos votos en contra da oposición. Posteriormente, cando recurrín o acordo, o resultado do Pleno do 2 de abril de 2019 foi aínda máis axustado: tívolse que votar dúas veces, e dúas veces houbo un empate a 5 votos, saíndo adiante a proposta de declarar a existencia dun camiño público, gracias aos votos do PSOE, incluído o alcalde, e téndose que decidir polo voto de calidade do mesmo para dirimir o empate.

Pero é máis. O Concello afirmou primeiro que eupechara o camiño a mediados de 2018, pero posteriormente os propios informes da Policía Local indican que o portalón de entrada a miñas fincas levaba 5 anos realizado, e que non podían concretar cando se levantara o muro. A verdade, como ben coñece todo Corme, é que o peche da miña finca leva máis de 20 anos levantado.

Por outro lado, Ramón Pasandín afirma que eu non lle deixo pasar pola miña finca, o que é falso. Hai un dereito de paso, privado, a través da miña finca, que nunca negeui, e polo que este veciño ten pasado e polo que estivo introducindo o material da súa obra sen o máis mínimo coidado nin respecto pola miña propiedade. É completamente falso que non poida pasar pola miña finca, e así llo manifestei ao propio concello, por escrito, e co seu correspondente xustificante de presentación, en xaneiro de 2019, que aquí comparto:

Carta de Angel Santiago Suarez Baneira sobre o paso pola sua finca

Di este veciño, Ramón Pasandín Regueira, que chegou a un acordo con outro propietario para que lle deixe pasar os materiais da obra. Iso será agora, porque ata 2019 estívose servido da miña finca para entrar. De feito, todo o relativo á existencia ou non dun camiño público, xorde a raíz da denuncia urbanística que antes formulara contra el.

Agora mesmo hai un procedemento contencioso-administrativo interposto sobre a existencia do camiño público, e sobre o trazado do mesmo, que está no Xulgado da Coruña. O certo é que o Concello pretendía demoler o peche da miña finca sen esperar ao resultado de dito procedimento. Pero non vai ser a única acción que faga. Nos próximos días presentarei a correspondente demanda civil contra o propio Concello de Ponteceso por este mesmo asunto, para que se me recoñeza a propiedade da finca e a inexistencia do camiño público.

Por último, quero dicir que, en contra do insinuado, teño liquidados ata a data todos os impostos municipais sobre as fincas da miña propiedade, incluídas as dúas fincas afectadas polo vial que o Concello quere declarar como público.

De tódolos xeitos, quero aproveitar a presente e dar gracias aos numerosos veciños que, ao enteirarse da decisición do Concello de Ponteceso, puxéronse en contacto estes días comigo para amosar o seu apoio e manifestarse ante o que todos consideran un atropelo, pois son plenamente coñecedores da inexistencia de caquera camiño público a través da miña finca. A todos eles, e a esta Asociación, quero dirixirme dándolles as gracias polas mostras de apoio e solidariedade, ante a inxustiza que estou vivindo.

  • Ángel Suárez Baneira.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios