Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Piden incluír as 9 mámoas do Vaqueiro no Parque de Megalitismo

Directiva de Nosa Señora na mámoa do monte Faro 1
Directiva de Nosa Señora na mámoa do Monte Faro
Piden incluír as 9 mámoas do Vaqueiro no Parque de Megalitismo
A Asociación Cultural Nosa Señora do Faro vén de emitir un comunicado no que solicitan, como o Fuso da Moura, a adhesión das 9 mámoas do monte Faro no Parque do Megalitismo que proxecta a Deputación da Coruña.

Lembran que “na parroquia de Brantuas se encontra a máis grande concentración de mámoas da volta”. Son nove mámoas que se localizan na ladeira do monte Faro e das que xa falou Eduardo Pondal nun artigo na prensa de Santiago no século XIX. Máis concretamente sitúanse ás beiras do camiño real que comunicaba Brantuas e Niñóns con Corme.

Sinalan que ademais no lugar hai un petróglifo, dúas coviñas e todo a mitoloxía relacionada co monte e coa romaría do Faro (ermida, fonte, camiño da procesión, pedra de abalar, cruceiros e cruces de pedra) así como a súa relación co mundo do mar ou o valor xeolóxico.

”Esta inclusión sería unha grande achega ó Parque de Megalitismo tanto pola cantidade de mámoas que conforman este conxunto como pola súa excelente situación xeográfica nun dos máis importantes miradoiros da Costa da Morte desde onde se divisa toda a comarca de Bergantiños e outras limítrofes”, explican.

Para intentalo, organizan unha mesa de traballo na que se redactará un proxecto para realizar unha ruta arqueolóxica e cultural que leve a visitantes a todos estes elementos de interese. Unha vez estea redactada a ruta, entregarase nas administracións correspondentes para a súa factible execución.

Novas relacionadas

Comentarios