As postais de Nadal, outra excusa perfecta para unha acción interxeracional do IES de Ponteceso
Continúa o Instituto Eduardo Pondal de Ponteceso fomentando actividades interxeracionais para completar a educación do seu alumnado. Este ano cumpre a cuarta edición do seu programa anual de envío de postais de Nadal personalizadas ás persoas maiores das residencias, centros de día e Casas do Maior da Costa da Morte e Bergantiños.
A iniciativa promove a solidariedade, combate a soidade non desexada e reforza a apertura do centro cara á veciñanza.
A implicación do alumnado é alta: o alumnado participa na creación artística, na redacción das mensaxes e na organización dos envíos. O proxecto sostense grazas ao esforzo e á coordinación do profesorado, que organiza obradoiros, orienta ao alumnado e mantén a relación coas entidades locais.
Segundo Clara Regueira, directora do centro «este programa demostra que a escola pode ser un axente activo na vida da comunidade. As postais son pontes entre xeracións que lembran que ningunha persoa maior debe sentirse illada. Ver a resposta das residencias e centros de día confirma o valor humano e educativo desta iniciativa.»
Eva Rodríguez, Xefa de Departamento de Servizos á Comunidade sinala que «a coordinación do profesorado é esencial para que todo funcione. Organizamos obradoiros, guiamos ao alumnado e coordinamos os envíos coas entidades locais. A emoción das persoas maiores ao recibir as postais é a mellor recompensa ao traballo realizado.»
Influencia no currículo
A existencia no centro dun Ciclo Formativo de Grao Medio en Atención a Persoas en Situación de Dependencia amplifica o impacto do proxecto, pois axuda a mellorar a profesionalización do coidado e mellora a empregabilidade do alumnado, facilita prácticas en residencias e centros de día; promove competencias sociais e éticas como a comunicación, a empatía e a atención centrada na persoa; e contribúe á detección de situacións de soidade non desexada e ao deseño de respostas comunitarias máis eficaces.
Máis novas




