Hai data para a toma de posesión da Parcelaria de Arantón-Santa Sabiña, unha das máis importantes de Galicia
O vindeiro 15 de decembro de 2022 será a data da toma de posesión provisional dos predios da concentración parcelaria de Arantón-Santa Sabiña, en Santa Comba. Un fito histórico, pois falamos dun proceso que levou máis de 40 anos anos arranxar, con case 3 millóns de investimento (2,2 destinados á creación da nova rede de camiños de duns 83km).
Certo que falamos dunha concentración complicada, que non concentra demasiado, das máis grandes de Galicia, que implica unha superficie de 1.515 hectáreas de 1.046 propietarios, e que permitiu pasar de 9.489 parcelas a 2.051 predios (cuadriplicouse o tamaño medio das parcelas).
Dende a Consellería avisan que no caso de que haxa colleitas pendentes de recoller nas parcelas antigas de labradío ou arborado que non estean clasificadas como monte alto, poderán ser retiradas antes do 15 de maio de 2023.
A partir da toma de posesión, os adxudicatarios van poder reclamar ante a Xefatura Territorial de Medio Rural na Coruña, no prazo de dous meses, no caso de que existan diferenzas superiores ás marxes de tolerancia admitidas entre a cabida real das novas parcelas e a que conste no expediente de concentración.