Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Rosa Facal: “Malamente imos poder mellorar ou conservar o que temos se non o valoramos”

Hoxe entrevistamos a unha das caras máis coñecidas da Televisión de Galicia, Rosa Facal, arquitecta e presentadora xalleira do Galicia Bonita. O programa que loita por acabar co feísmo existente en Galicia, acaba de rematar a súa terceira temporada cuns datos de audiencia que chegan ao 15% e que o sitúan como líder na súa franxa horaria.
Rosa Facal-Galicia Bonita
Rosa Facal: “Malamente imos poder mellorar ou conservar o que temos se non o valoramos”
  • A.G.: Cando nace o teu interese polo mundo da arquitectura?

De pequeña quería ser escritora, pero xa con 15 anos decateime de que me chamaban moito a atención os planos de meu pai, que era constructor. A partir daí tiven claro que quería ser arquitecta. Era boa estudante e non tiven problemas para entrar en Arquitectura Despois de rematar a carreira estiven 3 anos traballando nun estudio de Santiago ata que chegou a crise ao noso sector. En 2010 decido montar o meu propio estudio en Santa Comba.

 
  • A.G.: Como comeza a túa andaina no Galicia Bonita?

É unha historia moi curiosa. Eu tiña o estudio situado nun sitio moi pequeno, tiña a páxina web, subía cousiñas á páxina de Facebook e estaba dada de alta nunha plataforma de arquitectura. A productora é de Coruña e atopáronme eles. Cando empezaron coa idea do programa tiñan claro que querían unha arquitecta e non unha actriz, pois probaran pero decatáronse de que necesitaban unha persoa que tivese certos coñecementos técnicos. Buscaban un perfil de muller, para non caer no tópico do home que dirixe a obra. Querían, que ademais fose alguén do rural. Mandáronme un e-mail e eu contesteille educadamente dándolle as gracias pero dicíndolle que non tiña nada de especial nin excéntrico para saír da tele, en resumo era unha rapaza normal de Santa Comba.
Insistiron en coñecerme e ofrecéronme facer unha proba para un programa. De entrada era simplemente para facer un programa piloto e como só ía ser un aceptei. Comentáronme que o presentaban e que na tele decidían se ía ter saída ou non a idea. Pedín a gravación para que os nenos a tivesen de recordo, pensando que a miña experiencia coa tele remataba alí. Crin que se aceptaban o piloto, non seguiría eu, que me cambiarían por outra persoa, pero non, decidiron facer o programa e seguir contando comigo.

 
  • A.G.: Como afrontas nun primeiro momento o reto de dirixir o proxecto e coordinar o equipo? Coñecíalos?

Non, tratábase dun equipo totalmente novo. A decoradora era Olalla e Carlos, o carpinteiro, xa se coñecían e eran os dous de Coruña. Javier estaba traballando de albanel nesa primeira obra dos rapaces que nos deixaron facer o piloto. Apareceu de casualidade, e agora é un personaxe. Coñecinos a todos o primeiro día.

 
  • A.G.: Como foi ese día?

Recordo que tiña moito medo, por compaxinar o programa co estudo e coa miña vida. Era moi difícil organizarme, manter o estudo e dar a todo. Por sorte na productora ocúpanse moito da parte de organización, contactan con proveedores, planifican a chegada dos materiais etc. Nunca antes traballara na tele, nin fixera teatro nin nada polo estilo pero adapteime ben, Tamén tiña medo por como me vira a xente que me coñece na tele: que me viran diferente, pouco natural, que lles parecese que non estaba ben o resultado… Ademais o programa para un arquitecto é complicado. Na nosa profesión estamos acostumados a facer cousas máis grandes: rehabilitación integral, obra nova… pero non cousas tan pequenas onde o tempo e o presuposto é tan limitado. Ás veces queres facer algo doutra maneira pero non podes.

 
  • A.G.: Supón moita presión traballar con prazos tan xustos ou xa estás acostumada?

Nós no noso traballo, traballamos sempre con moita presión, temos prazos de entrega xa dende a carreira (Risas). É unha profesión que é intensa xa de por sí, na que sí que estás acostumado a traballar de noite, facer moitas horas... Sen embargo é certo que cando estás en grabación os días fanse duros, non sabes como vas dar presentado a obra. Estás pendente de se chove ou non, se se estropea algunha máquina, xurde algún imprevisto… A medida que queda menos para entregar a obra, nótase a tensión no propio equipo e tamén nos propietarios das casas.

 Casiña reformada por Galicia Bonita
Imaxe dunha reforma feita no programa
  • A.G.: Somos reticentes a cambiar o que leva anos sendo funcional? É difícil loitar coa idea de isto leva aquí toda a vida?

Sempre. Máis que ao cambio, teñen un medo moi grande a tirar calquera cousa porcostalle moitisimo. Cando comezamos están encantado. A crisis vén no segundo día, cando ven que empezamos a tirar lixo ou cousas que realmente non serven para nada, pero cóstalles moito asimilalo. Ese soe ser o momento crítico. Despois, unha vez que ven o resultado danse conta. Aínda así temos casos nos que esperan a que marchemos para recoller do contenedor o que tiramos. Entendo que hai moito traballo que non se ve, de psicoloxía, de vencer reticencias… Agora é máis fácil, xa nos coñecen pero na primeira tempada chegábamos alí un montón de xente e era máis complicado. Eu falaba moitísimo con eles, comíamos xuntos, debatíamos ideas. Agora co tema de covid xa non podemos facer iso, e é máis complicado, interactuamos menos. Temos que explicarlle con delicadeza as cousas que percibimos que non están ben e de que modo se poderían facer mellor.

 
  • A.G.: Hai veces que vos piden máis do que podedes facer nun prazo tan curto.

O obxectivo de Galicia Bonita era e é mellorar. Hai moita xente que o confunde e pensa que nos adicamos a rehabilitar, e mandan fotos de casas en ruinas para rehabilitar completamente. O propósito do programa sempre foi a mellora de adaptación ao entorno e a loita contra o feísmo. En case todos os programas hai elementos común: planta de fibrocemento sen ter tella, bloque ou ladrillo sen recebar, cores que non teñen nada que ver co entorno, a bañera de bebedeiro, o somier de cancela… Estes dous últimos elementos son exemplos do que supón a reciclaxe mal feita. O programa vai nesa liña, ver como en pouco tempo e con pouco presuposto se lle poder dar un cambio notable a unha vivenda.

 
  • A.G.: Cal dirías que é o problema que late baixo a raíz do feísmo?

Non valoramos o que temos. Foi un problema que se tivo sempre. Eu nacín no rural, e se ti nacías cunha casa con vacas e iso era o peor. A base de todo é valorar o que temos. Malamente o imos poder, mellorar ou conservar se non o valoramos. Apreciar as nosas casas de pedras, os nosos peches, as nosas leiras, os nosos xardíns, o entorno da vivienda… En definitiva, poñer en valor a nosa cultura, a nós mesmos, decatarnos do bonita que é Galicia, de todo o que ofrece… Nese momento empezaremos a mellorar. Isto vese máis na xente nova.

 
  • A.G.: Por que?

A xente nova ten outra conciencia, sairon máis e valoran o que temos máis ca nós. A xente que tivo que emigrar, foise deixando casas de pedras sen cuartos de baño e con lama a porta. Emigraban e o recordo que levaban daquí era a miseria, o mal que viviran. Esa xente cando volveu con cartos querían construir novas casas conforme ao modelo das casas que virán alá. Ninguén pensou en arranxar unha casa antiga de pedra, porque iso representaba a miseria pola que tiveran que pasar. Sí que se observa unha evolución. Durante moitos anos quedarte coas vacas era o último. Agora a xente nova sae facer unha carreira, e volve para quedar coa granxa dos pais e xestionala cos coñecementos adquiridos. Hai 30 anos era impensable. Temos que desbotar a idea de que o campo é miseria. Non representa a miseria, no rural hai futuro e de feito estase vendo.

 
  • A.G.: Contabades con ter tanta audiencia?

Non, ao principio, non pensas na audiencia. Non sabíamos que nos ían poñer en prime time, pensamos que igual nos poñían un sábado á tarde ou noutro horario. Na primeira tempada tivemos moi bos datos. Sen embargo a segunda pasou máis desapercibida, e viñémonos un pouco abaixo, pensamos que igual se esgotara a idea. Os formatos agótanse, a xente pódese aburrir. Esta terceira tempada supúxonos moita alegría ver cifras de audiencia tan boas. O luns pasado tivemos un 14, a nivel de Land Rober. Este luns ganásmolle a Jorge Javier! Iso foi alucinante. Fomos líderes en Galicia, pensar que en Galicia nos escolleron a nós fronte ás outras canles supón un orgullo.Nós encantados, de feito estamos xa coa selección da 4º temporada. Esta temporada tivemos unha audiencia espectacular. Ademais, temos moitas solicitudes ao día. Nun mes chegamos a ter 500 solicitudes!

 
  • A.G.: Cal foi o maior reto ao que te enfrontaches no Galicia Bonita?

Tivemos obras moi 2 difíciles. Unha en Barro, que se trataba da reconstrucción dunha palleira antiga de madeira, a nivel técnico foi moi complexa. A nivel estructural foi a máis grande que fixemos no programa, e non foi nada fácil facer algo con tanta precisión en tan pouco tempo. A nivel personal, a última en Montexalo en Carral, foi moi complicada de sacar adiante porque tivemos moitos problemas cos donos da casa, non nos trataron ben. Eu ao terceiro día tería marchado non só por min, senon tamén polo equipo. Aí paseino mal tamén como xefa.

Foto do galpón de Barro reformada por Galicia Bonita
Reforma en Barro
  • A.G.: Cal foi a obra que máis che gustou?

En xeral todas me gustan. Pois diría que, a que che comentaba antes, a de Barro, pese a ser un reto foi unha das obras que máis me gustou facer. Gústame moito traballar nas casiñas, máis que nos galpóns. Hoúboas moi bonitas, dende Boimorto (que fixemos un cenador de madeira precioso), Begonte, onde puxemos tellado de lousa… Era un reto traballar coa lousa, porque aquí en Coruña non a usamos, e daquela non coñeces tan ben os sistemas construtivos. A nivel persoal a que máis me gustou foi a de Santa Comba, Fina tratounos de dez.

 Reforma en Begonte, tellado de lous de Galicia Bonita
Reforma feita en Begonte

Comentarios