Mércores. 27.10.2021
El tiempo

A Casa da Cultura de Vimianzo supera a terceira denuncia

A Casa da Cultura de Vimianzo supera a terceira denuncia

Esperpéntica a historia da Casa da Cultura de Vimianzo. Se o pasado de marzo pensabamos que se puña fin á historia de pleitos coa sinatura dun crédito para pagarlle a débeda á empresa do irmán do ex alcalde, hoxe coñecemos que había unha terceira querela interposta tamén pola empresa Manuel Rodríguez Lema SL contra o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo Pazos.

Unha querela posta por suposta "prevaricación administrativa" por non querer executar a sentencia e proceder ao pago. Pero segundo confirma o Concello de Vimianzo esta querela queda sobreseída, unha vez que "o xuíz de Corcubión confirma o bo actuar do alcalde de Vimianzo".

"Desestabilizar"

Segundo o rexedor vimiancés "a querela interposta pola empresa Manuel Rodríguez Lema SL unicamente perseguía destruír e crear inestabilidade respecto da alcaldía de Vimianzo. Aínda por riba de pagar temos que soportar a mala idea da atacar os intereses municipais” di Manuel Antelo, quen destaca que en todo este asunto, desde que é alcalde, "a empresa intentou paralizar e anular pagamentos a proveedores e obras municipais."

E tamén ten verbas para o ex alcalde. “Non fixo o mesmo cando gobernaba o irmán do construtor, xa que os máis de 300.000,€ que gastou na campaña electoral poderían valer para pagar parte da débeda da Casa da Cultura”. O alcalde lamenta, ademais, que "na querela se presentasen documentos usurpados no concello de Vimianzo, xa que se presentaron fotocopias de facturas e informes de intervención e tesourería que a empresa obtivo usando procedementos non legais".

Esperemos que con esta sentencia se dea punto e final a un exemplo de como as obras municipais poden destrozar un concello. I é que a historia ten de todo: un proxecto creado dende o principio por riba das necesidades da poboación vimiancesa, clientelismo na contratación das obras, neglixencias á hora de levalas a cabo, un sobrecuste sen sentido, para rematar cuns litixios que o único que fan é afundir ás arcas municipais.

Novas relacionadas

Fonte

comentarios