A Deputación dá o visto bo á Obra de saneamento integral da Piroga


A Deputación da Coruña vén de enviar ao Concello de Vimianzo o informe de comprobación material da realización da obra “Saneamento integral do núcleo da Piroga”, solicitado polo concello de Vimianzo unha vez recepcionada a obra e emitida a certificación final. Un técnico da Deputación realizou a visita de comprobación o 31 de outubro, constatando que se atopan finalizadas, en bo estado e que están executadas de acordo co proxecto aprobado.
Consta no informe que as desviacións existentes respecto do proxecto, das que a Deputación era coñecedora polo informe aclaratorio do director de obra, considéranse menores para unha obra destas características e non supuxeron unha alteración substancial do proxecto. “Queda, pois, zanxada toda a polémica na que foi envolta esta obra por parte da oposición con este informe técnico da Deputación da Coruña na que dá por correcta a execución das obras e por bo e finalizado o estado das mesmas”, di o Alcalde.
O vindeiro luns reanudaranse os traballos de tala dos eucaliptos na beira do paseo. Manuel Antelo pídelle paciencia aos veciños e veciñas da Piroga polos problemas que lles poida ocasionar estes traballos e polos cortes de tráfico que se levarán a cabo no lugar durante a realización dos traballos.
Novas relacionadas
- A Piroga celebrou cun albaroque o remate das necesarias obras de saneamento.
- Novos puntos de vertido controlados na Piroga.