Sábado. 12.10.2024
El tiempo

A vida real supera á ficción na Escola de Teatro de Vimianzo

A vida real supera á ficción na Escola de Teatro de Vimianzo

Volveu ter tintes culturais a fin de semana vimiancesa. Unha fin de semana que comezaba coa inauguración dunha nova exposición que se poderá visitar na Casa da Cultura ata o vindeiro 15 de xullo.

Trátase dunha mostra dos traballados realizados nas escolas municipais de paillo, debuxo, pintura e gravado. Os alumnos e alumnas destas actividades traballaron duro ao longo destes sete meses e non se pode mostrar, por motivos de espazo, todas as pezas de encaixe elaboradas, nin a gran cantidade de cadros, debuxos e gravados que tanto a escola infantil coma a de adultos realizaron, porque non chegarían as paredes da Sala de Exposicións Antón Mouzo.
Mais a xente que se achegue visitala terá a oportunidade de ver a proxección dun vídeo onde si aparecen a maioría dos traballos, do mesmo xeito que fixeron as persoas que asistiron ao acto de inaguración do pasado venres no auditorio da Casa da Cultura.
Un acto no que interviron a mestra de panillo, Lourdes Lema e a mestra de pintura, Puri Lema, logo de que dúas alumnas, Berta Suárez e Mª Carmen Carballo, tomasen a palabra en representación dos compañeiros e compañeiras; pechou a presentación o alcalde, Manuel Antelo, quen felicitou a mestras e alumnado polo gran traballo realizado e o orgullo que supón contar con tan bos artistas en Vimianzo para seguidamente proxectar o vídeo e proceder á apertura da Sala de Exposicións.

As Escolas teatrais

O domingo voltaron á Casa da Cultura co teatro, nesta ocasión da man da Escola de Teatro de Vimianzo, que estreou Vodevil. Cun elenco artístico composto por Ivanna Vidal, Vicky Fernández, Míchel Antelo, Nieves Lema, Paloma Vilela, María Leis e Mª José Varela, os protagonistas leváronos a unha función onde se mesturaba a realidade e a ficción dos propios personaxes, deixando ver que a vida real supera moitas veces o mundo ficticio.

A sorpresa ante o transcorrer da función causou gran satisfacción entre o público que, maila mostrarse dubidativo durante uns momentos, logrou entender a historia á perfección. Ao pecharse o telón o auditorio rompeu en aplausos mentres os protagonistas da tarde sorprendían ao director, Toño Casais, cun agasallo e cun grande aplauso de todos os presentes.

Vindeira e última cita do ciclo

O vindeiro domingo será a escola de teatro de Berdoias á que peche o ciclo de teatro afecciondo municiapal, coa estrea de "A verdade por diante".

Encontro de novos cesteiros

O pasado sábado remataba o último dos obradoiros de cestería organizados polo concello de Vimianzo coa colaboración de diferentes asociacións. Os obradoiros viñéronse realizando desde finais do mes de abril ata finais de maio ou primeiros de xuño nas parroquias de Vimianzo, Carnés, Salto e Berdoias.

Pero o vindeiro sábado todos os novos cesteiros e cesteiras vimianceses participarán nun encontro na Casa da Cultura onde realizarán unha posta en común do traballo realizado e as técnicas aprendidas, ao tempo que mostrarán, a aquelas persoas que queiran acudir ao encontro, como se elaboran os cestos.
Previamente a este encontro haberá un obradoiro infantil de cestería, para que os nenos e nenas se fagan unha idea de como se realiza este traballo. Aqueles que desexen participar nesta actividade poden inscribirse na Casa da Cultura.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Vimianzo.

Comentarios