Os Orzamentos do Concello de Vimianzo duplícanse en 3 anos
Aprobou onte o pleno do Concello de Vimianzo orzamentos de 2025, cos votos a favor do grupo de goberno (PSOE) e do PP e coa abstención do BNG. Uns orzamentos que supoñen unha cifra récord de 9.030.199,20 euros, un 5 % máis que o ano pasado e un 50 % máis que en 2022. "Un ambicioso plan económico que reflexa a vontade de fortalecer os servizos públicos, atender demandas cidadás esenciais e avanzar en proxectos estratéxicos que marcarán o desenvolvemento do municipio", explica o grupo socialista, que agracedeu o traballo e colaboración de todo o concello.
Destes 9.030.199,20 euros, 2.402.000 euros estarán destinados ao capítulo de persoal. Esta cifra permitirá reforzar áreas clave como os servizos de limpeza ou o equipo administrativo, que afronta unha crecente carga de traballo para atender á cidadanía. Ademais, este ano contarase co Plan de Emprego Local que permitirá contar con brigadas a maior parte do ano, o mesmo cun técnico de turismo, psicólogo e educador social.
Do mesmo xeito, dedicaranse 3.683.119 euros a bens e servizos públicos, asegurando a operatividade e o mantemento de infraestruturas municipais. Neste eido inclúese o gasto do servizo de luz pública (230.000 euros), da recollida de lixo (300.000 da nova empresa e 250.000 de Sogama), o mantemento de vías municipais, ou o Servizo de Axuda no Fogar, que ascende a 915.931 euros, entre outros.
As inversións a efectuar a nivel infraestrutural ascenden a 1.917.454 euros e contémplase a renovación do céspede artificial no campo de fútbol municipal, a mellora no viario interior no núcleo de Reparada, o acondicionamento e finalización da instalación do saneamento no núcleo de Sisto, o saneamento en A Devesa, primeira fase do sobreancho da estrada do xeriátrico a Reboredo, nova fase de pavimentación de Baíñas a A Piroga, e diversos camiños, entre eles o campo da Milleira, entre outras actuacións. Para mantemento de viarios e camiño arredor de 300.000 euros.
Este documento recolle tamén as axudas as actividades culturais, deportivas e de arte e palillo, que desempeñan un papel crucial no tecido social do municipio. A partida ascende a case 300.000 euros. Nela inclúese o apoio de case 100.000 euros á celebración das diferentes festas do municipio. No que respecta ás subvencións ás asociacións do fomento do deporte e da cultura a suma é de máis de 50.000 euros.
Para axudas escolares e de natalidade resérvase unha partida de case 50.000 euros. Para programas de conciliación (campamentos, servizo de madrugadores) e actividades sociais suman arredor de 150.000 euros. Con respecto á escola infantil municipal, destinaranse máis de 250.000 euros.
Obras nas estradas
Onte mesmo, pola mañá, a vila recibía a visita dunha delegación da Xunta comandada pola delegada da Xunta na provincia, Belén Docampo, para lembrar investimento autonómico de 260.000 euros para varias intervencións ao amparo do Plan Marco de Mellora de camiños rurais de acceso a parcelas agrícolas e tamén do Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración e reestruturación parcelaria, unha nova orde de axudas publicada o ano pasado.
En concreto, no marco desta convocatoria, están previstas actuacións en Vimianzo de case 80.000 euros para a mellora do viario de acceso a Castromil. Un investimento que se une ao realizado o ano pasado de máis de case 79.000 euros que permitiu a pavimentación do camiño de Salto a Reboredo.