Martes. 30.04.2024
El tiempo

Carme Toba rescata as alvarizas da Costa da Morte do esquecemento

Carme Toba cas albarizas recén descubertas no Monte Faro na Costa da Morte
Carme Toba cas albarizas recén descubertas no Monte Faro na Costa da Morte
Carme Toba rescata as alvarizas da Costa da Morte do esquecemento

O vinderio martes 14 de novembro, a muxiá Carme Toba Trillo presenta en Vimianzo o seu libro “A cultura do mel na Costa da Morte”. Un libro editado pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) que recolle todo o tes que saber sobre a apicultura na nosa comarca.

Esta socia fundadora da Asociación Apatrigal, eterna defensora do noso patrimonio, estará acompañada por Carlos Henrique Fdez. Coto, presidente da entidade e que xa estivo en Cee hai unhas semanas, o antropólogo Rafael Quintía, o divulgador local Manuel Oanes, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez.

Charla de Carme Toba sobre alvarizas en Vimianzo

Falamos con ela:

  • Como nace este libro? De onde sae o teu amor polas alvarizas?

A miña teima polas alvarizas, deuse porque eu descubrín que tiñamos na nosa aldea (Agranzón, Parroquia San Martiño de Ozón) unha alvariza, e fíxeno aos 40 anos. Eu nunca a vira, só o sabía pola toponimia, cando os vellos me dicían que fóra buscar a vaca ao Herbal da Alvarisa ou na Alvarisa da Granxa. Pero sen máis, como quen lle chamas a Leira das Cortiñas, o Bulleiro… como calquera microtopónimo.
Pero un día pregunteille á miña tía pola alvariza, e díxome que alí había unha alvariza, "e aínda estará". Porque si houbo outras que se desfixeron para facer cabanotes, pero esta non. E fumos ata o monte, armadas cun fouciño, edemos con ela, e tiña todo, cun carballo centenario no medio, cun regato… E despois así falando, me comentaron que outra familiar me dixeron que tiña outra en Berdoias… e despois fun preguntando, buscándoas, botándolle fotos…

Empezoume a chamar a atención o tema. E eu, que son rural, que me criei cas vacas, cas ovellas, cas abellas… E na miña casa temos as alacenas metidas na casa, mesmo dúas na miña habitación, que só abríamos cando había que castrar o mel. Vaia, que vivín a apicultura ancentral dende pequena.

E empecei a fotografiar, pero sen máis. Despois eu e unha amiga apuntámonos a un curso de antropoloxía da escola de SAGA que impartía Rafa Quintía. Tiñamos que facer un traballo e pensei en facelo sobre os fiadeiros dos colchóns de lás, ou sobre o liño, pero como me viron unhas fotos nas miñas redes sociais das alvarizas, propuxéronme facelo, e me decidín por facelo. Elaborar o traballo xa me levou 4-5 anos, xa falando no monte onde sabía que podía haber alvarizas, polo que me contaban ou pola toponimia. Empecei a ver onde podían estar, protexidas do vento, orientadas ao sol e ao carón dunha fonte de auga… e fun coñecendo máis e máis.

E aí, cando amplías o estudo de traballo a toda a Costa da Morte, seguro que quedan moito por recoller… Aí valinme do mapa do catastro, pero imaxínate analizar leira por leira toda a comarca, marcando cada microtópónimos como os Alvariza de Sachaferro…Alvariza do canle de Xeistoso, alvariza do Meixoeiro, Alvariza de Lucía, Alvariza de Montero, Corticeiras, Monte dos Cortizos, Vao do Mel, Pedra Abelleira, As Abelleiras… que marcaban referencia ás abellas ou ao mel…

  • Cantas recollestes?

Preto de 80, pero se lle sumamos a toponimia recollida, que meu custou sangre suor e lrágimas hai moitas máis.

Alvariza Cova do Raposo. Ogas. Vimianzo
Alvariza da Cova do Raposo. Ogás. Vimianzo
  • Que zonas teñen máis incidencia tralo teu estudo?

Vimianzo, sen dúbida. Hai en Pasarela, no Monte Faro, por suposto, pero tamén hai en Braño, en Sarteguas, en Romar, Calo, Berdoias… Aí hai que poñer en valor o traballo do goberno local de Vimianzo facendo a Ruta das Alvarizas.

Pero tamén atopei un montón nos montes de Camariñas (hai en Xaviña, Camelle…), en Dumbría, en Muxía, en Malpica, en Canduas (Cabana)…

  • Que foi o que máis che sorprendeu?

O que máis me sorprendeu é que son todas moi dispares en forma. Aproveitan a orografía do terreo, unhas son ovaladas, outras cadradas, outras semicirculares, outras en liña, outras cercadas… que están cubertas de lousas para resgardalas da humidade e das choivas, e tamén dos animais… Hai unha moi curiosa en Vimianzo que ten 61 metros de longo, seguindo o curso do río cos meandros e todo.
Pero hai que ter en conta que hai 200 anos os montes estaban a baldío, porque a madeira se usaba para todo, e as vacas, o porcoteixo, os burros, as bestas… andaban ceibos polo monte, e se tiñas un cortizo ao aire, as bestas viñan a rascarse e acababan coas alvarizas.

Alvariza de 61 metros en Viianzo
Esta alvariza vimiancesa ten 61 metros ao longo do curso do río
  • Algunha singular?

Pois mira, para min a catedral das alvarizas é a alvariza do Lucas, en Vimianzo, no marco da Ruta das Alvarizas. E unha cousa curiosa é que no cumio de arriba ten un voladizo para que o animal ou persoa que intente subir lle sexa moito máis difícil.
Porque segundo falei con Martiño Nercellas, que vive en Fisterra, e que están recuperando alvarizas na Serra do Candán, por Lalín, ten rexistrado que chegou a haber comunidade moi pequena de osos na Costa da Morte.

Alvariza do Monte do Faro Vimianzo a catedral das alvarizas
Alvariza do de Lucas, no Monte do Faro Vimianzo, a catedral das alvarizas

 

  • Que máis hai nesas 300 follas?​

O libro recolle moitas cousas máis, como os utensilios do castrador, do colmeiro, do cereiro, como é o traballo… como se facía o envasar o mel… Ademais quixen gardar a fala local, mantendo a lingua dos meus informantes, deixando “nuite” ou “sapato”, por exemplo. Puxen os produtos derivados da mel… as prácticas curativas que había na zona, os refráns…
Quuixen recoller todo iso, non só contabilizar as alvarizas, e a toponimia, pero que tamén que queden constancias outras cousas da cultura.

Creo que teño que mencionar tamén a Rafael Lema, que recolle en Crónicas Marítimas o catastro do “Marques da Ensenada”, de onde saquei o referido ás alvarizas, ou como lle chamaba o autor, “Corral de Abejas”.

alvariza de Boallo vimianzo
Alvariza de Boallo, en Vimianzo

NOVAS relacionadas

Comentarios