Venres. 29.03.2024
El tiempo

As escavacións ao Castro das Barreiras volven esperando novas sorpresas como o singular betilo

Betilo atopado no Castro das Barreiras de Vimianzo
Betilo atopado no Castro das Barreiras. Fotos de Terra Arqueos S.L
As escavacións ao Castro das Barreiras volven esperando novas sorpresas como o singular betilo

Nada mellor que volver a escavar que atoparse cun achádego singular. Así acontece no Castro das Barreiras, que a partir da vindeira semana, do martes 15, volverá vivir unha intensa escavación arqueolóxica de dúas semanas.

A empresa Terra Arqueos S.L, baixo a dirección do arqueólogo Tito Concheiro, volverá ser a executora, xusto un ano despois dun dos grandes achádegos que se levan realizado neste xacemento. Concheiro lembra o “betilo” atopado o pasado setembro, unha peza cónica de pedra granítica, que aparece no piso dunha cabana, sobre o que tamén se atopou cerámica castrexa, un fogar e un pequeno formo. Os betilos son pezas de carácter simbólico que formaban parte dos lugares de culto.

Explica Conceheiro que “en esencia, son representaicóns abstractas dunha divinidade arredor das que se levaban a cabo rituais relixiosos e se realizaban ofrendas. Algo moi parecido aos altares das nosas igrexas. A orixe destas pezas, e das liturxias que ordenaban, hai que buscala segundo todos os investigadores, no Mediterráneo Oriental”.

Castro das Barreiras de Vimianzo-escavacion
Lugar onde se atopou o betilo no Castro das Barreiras

En Galicia, son moi escasos e só se atoparon en contextos prerromanos dalgúns castros do litoral, como os castros da Punta do Muíño de Vento e o de Toralla, en Vigo; e o de Elviña, na Coruña. Os seus investigadores consideran que está en relación con actividades relixiosas e sociais dun grupo de xentes de procedencia púnica-fenicia asentados neses pobos.

No caso das Barreiras, ademais da sorpresa que supón atopar este tipo de obxecto nun castro de interior, a primeira vez que acontece en Galicia, a ausencia de material mediterráneo, leva ao Director da intervención, Tito Concheiro, a pensar na posibilidade de que este novo betilo formase parte, no seu día, do sistema decrenzas e cultos indíxenas.
Nas súas propias palabras “trátase dun achado excepcional, un dos máis sorprendentes dos levados a cabo na arqueoloxía da comarca nos últimos anos, e coloca ao castro vimiancés nun lugar de privilexio, único, na ampla lista do patrimonio arqueolóxico galego”.

De seguro que a nova escavación sacará á luz outros achados igual de extraordinarios.

A próxima campaña, que será de dúas semanas, ampliará o coñecemento da monumental muralla do castro e dunha nova construción circular no seu lado sur.

 

Novas relacionadas

Comentarios