A compañía costeira Aantena recibe unha bolsa para coproducir un espectáculo co Centro Dramático Galego
A compañía de teatro camariñá aAntena, que tan ben coñecemos na comarca gracias aos seus espectáculos temáticos sobre os Naufraxios vén de resultar adxudicataria da segunda fase da Bolsa de Dramaturxia e Creación impulsada pola Xunta, polo que coproducirá co Centro Dramático Galego un espectáculo a partir do texto “Relato para un incendio”, de Ernesto Is, elixido na primeira fase da iniciativa.
Teñen agora 12 meses para desenvolver, cunha achega de 12.000 euros, a posta en escena da montaxe permitindo realizar o acompañamento integral da peza, desde a escrita ata a produción e distribución.
Os creadores de aAntena, Xosé Leis e Bernardino Martínez, serán o director e axudante de dirección do espectáculo, no que contan como elenco con Manu Fernández, Victoria Pérez e Isabel Risco. Pola súa banda, o equipo artístico compóñeno José Manuel Faro ‘Coti’ e Montse Pinheiro á fronte do espazo escénico, Mar Fraga do vestiario, e Xabier Romero do espazo sonoro. Estarán tamén Alicia Baña, Nelson Corsino e Dani Viqueira, como responsables da imaxe.
Posta en valor dos patrimonios cultural e natural
Nun espazo escénico inspirado polo lume, a interpretación centrarase na busca da verdade e o enfoque, na valoración e estimación da figura feminina. Segundo sinala a compañía na proposta presentada, os obxectivos son “a posta en valor do patrimonio cultural e natural, así como a xeración de debate sobre a conservación do monte”, entre outros.
NOVAS RELACIONADAS
- Setembro 21: aAntena recupera a historia dos nosos Naufraxios da Fin da Terra.
- Agosto 21: Volven as pantasmas das Noites dos Naufraxios no Cemiterio dos Ingleses .
- Agosto 21: Volven ás Noites de Naufraxios ao Cemiterio dos Ingleses.
- Novembro 2020: Aantena conseguiu levar o noso patrimonio invisible a Fisterra.
- Agosto 2020: As historias dos naufraxios de Aantena chegan ata Bergantiños.