Venres. 29.03.2024
El tiempo

O Festival Neghra Sombra: A gran Revolta das Letras

Festival Neghra Somba Vimianzo 2019
Festival Neghra Somba Vimianzo 2019
O Festival Neghra Sombra: A gran Revolta das Letras

A vila de Vimianzo acollerá unha nova edición do festival Neghra Sombra o sábado 11 de maio. Unha festa moi diversa na que conflúen diferentes estilos musicais, shows teatrais, literarios e poéticos, ademais de actividades para todas as idades. O exterior da Casa da Cultura de Vimianzo, no Agro de Trasariz, será desta vez o lugar onde se instale unha carpa con tres escenarios para os diferentes espectáculos e concertos.

A segunda edición da gran “Revolta das Letras” multiplica o número de creadores literarios que actuarán no festival intercalándose cos concertos. Revivindo o espírito do Batallón Literario da Costa da Morte de 1996, daranse cita en Vimianzo autores das comarcas do finis terrae como Suso Lista, Lola Canosa, Adhara Caamaño, Davide Creus, Estevo Creus, Suso Bahamonde, Vicente de Souza, Alberto Lema, Elena Busto, María Lado, Lucía Aldao, Lola Schutz, Rocío Leira, Daniel Salgado e Lëo Kch.

A partir das 17h comeza a actividade en Vimianzo, coa música do grupo funk local Trampulleiro e o pregón da artista muxiá Viki Rivadulla.

A diversidade de estilos musicais é un dos emblemas desta festa cuxa principal misión é promover e poñer en valor a lingua galega desde diferentes ámbitos culturais.

Polo escenario principal, dedicado a Rosalía de Castro, pasarán a cantante vimiancesa Irma Macías e a violinista de Baio Antía Ameixeiras, compoñentes actualmente do grupo Luar na Lubre. Tamén o folk de Oîma, o hip hop de Flow do toxo, o ritmo tradicional de Pelepau, os irreverentes Monoulious DOP e o rock de Almánimal.

O escenario que homenaxea á figura das Letras Galegas 2019 Antón Fraguas, estará centrado en espectáculos de menor formato que se irán entrelazando co resto do programa: narración oral e música con Vero Rilo e Faia Díaz, o show musical Improvisóns e os espectáculos do Leo Arremecághona e Feral Booty, que non deixarán a ningúen indiferente.

Por último, no escenario infantil, dedicado a Carvalho Calero, haberá actividades de balde para nenas e nenos: obradoiro de baile tradicional, de maquillaxe, inchables, malabares, xogos... O festival Neghra Sombra é unha iniciativa ideada pola asociación cultural Cherinkas, promotora doutras singulares citas festivas como o Asalto ao Castelo ou a Muiñada de Vimianzo. Colaboran no festival a asociación feminista vimiancesa As Curandeiras, o Concello de Vimianzo e a Deputación da Coruña.

Festival Neghra Sombra Vimianzo 2019 cartel

Comentarios