Hoxe retómanse as actividades formativas de arqueogastronomía para os hostaleiros de Vimianzo


Arranca a segunda fase de “Do mar á terra” co obxectivo de situar á hostalería de Vimianzo como referente na gastronomía da Costa da Morte. Hoxe luns 22 de xullo ponse en marcha a segunda fase da iniciativa turística “Do mar á terra”, con accións formativas e promocionais en torno ao sector hostaleiro de Vimianzo.
Desta forma retómase a actividade máis didáctica do proxecto “Do mar á terra”, financiado polos fondos do Grupo de Acción Costeira da Costa da Morte, Gac3, e que busca a valorización dos produtos do mar como recurso turístico a través da gastronomía.
“Do mar á terra” pretende definir un produto de turismo gastronómico encamiñado a facer propostas experienciais vinculadas á gastronomía e ao importante carácter histórico da capital soneirana. Deste xeito contempla actuacións para a mellora competitiva do sector turístico local, a edición de material divulgativo en varios idiomas e a posta en funcionamento dunha rede de información electrónica a través de pantallas informativas, páxina web e redes sociais, entre outras.
Vindeiras accións formativas
A primeira das actividades desta nova fase realizarase este luns 22 de xullo ás 17.00 horas na Casa da Cultura de Vimianzo. Alí, responsables do proxecto explicarán aos hostaleiros en que consistirá esta nova etapa, que versará sobre a arqueogastronomía: un achegamento aos produtos do mar presentes na dieta dos castrexos e os pratos que se degustaban na Idade Media en castelos coma o de Vimianzo.
Entre as actividades desta segunda fase do proxecto, aparte de cursos de formación, levaranse a cabo actividades como un concurso de vídeo co teléfono móbil, encontros de hostaleiros con confrarías da Costa da Morte, obradoiros de especies de peixes para nenos, ...
Ademais, realizarase un traballo de sensibilización do público sobre aspectos como o consumo responsable de peixe, a posta en valor dos produtos de baixura, a divulgación das mellores épocas para as diferentes especies que se comercializan na Costa da Morte ou a elaboración dun receitario de cociña tradicional de Vimianzo.
Novas relacionadas
- Os hostaleiros volven apostar polo Vimianzo Gastronómico.
- Vimianzo, cruce de camiños entre o padal e o mar.
- Os eixos do proxecto “Do mar a terra”.
- Nov. 2012: Vimianzo abre o seu Outono Gastronómico con menús, sobremesas da casa e moita festa.
- Xornadas 2011: Preto de 400 menús se degustaron na xornada Vimianzo gastronómico durante o mes de novembro.