Nieves Lema no CDG: “O teatro nacional debe sentirse como algo de todos”
Como nos gusta ver as nosas técnicas municipais no foco. Porque temos técnicas moi boas, como Nieves Lema, que participou nunha das mesas redondas da primeira xornada do ciclo do Consello da Cultura Galega, “Salón Teatro vixencia e contribución da institución ao futuro da creación escénica galega”.
Numerosos profesionais do sector teatral participaron na xornada. Nieves, culpable da mellor programación teatral de toda a comarca (co permiso do FIOT, pero ese xoga noutra liga) puxo o foco nos concellos, na importancia de aposta pola programación continua, e deixou claro que en toda Galicia, o “teatro nacional debe sentirse como algo de todos”. "Debemos entender o teatro como un servizo público, non un produto cultural illado", apuntou.
"Para moitos concellos galegos o CDG é a forma máis clara de contacto cos idea de teatro Nacional polo que cando chega o Centro Dramático Galego a elas debería chegar unha "sinal de País".... Hai que valorar en que condicións podemos traballar conxuntamente para os espectáculos do CDG non se vexan un luxo illado , senón como un acontecimiento comunitario", sinalou. "De querermos un Teatro Nacional Galego, debe existir nas grandes ciudades e nas vilas, o país non se constrúe só dende Compostela, Coruña ou Vigo...contrúese dende Vimianzo e outras vilas activas!"
Puxo ademais en valor o traballo do seu concello: "A experiencia de Vimianzo indica que hai un impacto positivo das iniciativas que o CDG achega ao noso municipio.. hai diálogo previo e accións paralelas... tamén é certo quw Vimianzo non é un territorio pasivo, senón unha comunidade cultural activa".
Tamén estiveron xentes como Eduardo Alonso, primeiro director do CDG, que lembrou que o proxecto naceu como pacto entre a profesión e a administración, cunha vontade clara: crear un teatro nacional, aínda que cre que esa esencia se foi perdendo co tempo.
Pasaron polo estado xentes como Cristina Domínguez, Manuel Guede, Arantza Villar (AAAG) ou o actual director do CDG, Fran Núñez, que defendeu a necesidade de máis persoal e procesos de selección adaptados á realidade artística. “O teatro non é unha industria replicable”, lembrou.
