Martes. 19.03.2024
El tiempo

Novo ataque á Costa da Morte

Panorámica dos penedos de Pasarela coa Galla da Pena Forcada no centro copia
Panorámica dos penedos de Pasarela coa Galla da Pena Forcada no centro
Novo ataque á Costa da Morte

A Costa da Morte, moitas veces idealizada como un territorio virxe, mítico ou incluso lendario, con espazos naturais de gran valor paisaxístico e ecolóxico, durante a historia recente leva sufrido graves agresións que deixaron profundas feridas na súa pel.

Estes ataques producíronse tanto por mar coma por terra. Os do mar con produtos tóxicos como no afundimento do Casón en 1987 ou en forma de marea negra coma a do Prestige, do ano 2002, que lle afectou a todo o noso litoral.

As agresións por terra foron maiores en número e máis continuadas. Nos anos sesenta do pasado século, en plena vaga da construción de encoros, será o río Xallas o que sufra máis o impacto, pois no seu curso levantáronse varias represas, que ademais de anegar aldeas e terras de cultivo, contribuíron á desaparición de especies de pesca autóctonas. Máis tamén nos privaron de poder gozar dunha das fervenzas máis espectaculares, a do Ézaro, un dos maiores atractivos desta rexión costeira.

Por estes anos sesenta tamén comeza a plantación indiscriminada de eucalipto, que continúa aínda nos tempos actuais, sen respectar ningún tipo de solo, nin tan sequera o de uso agrícola. Na década seguinte, intentouse instalar unha planta de celulosa nada menos que en pleno esteiro do Anllóns. Os terreos para súa construción xa foran adquiridos, e tan só a mobilización da sociedade civil que culminaría na gran manifestación de Ponteceso do 28 de febreiro de 1976 impediu este aberrante proxecto.

Anos máis tarde, a finais do século XX e comezos do seguinte, principiou a febre das piscifactorías e das canteiras que tamén nos afectou. Para a construción das piscifactorías non servía calquera lugar da costa, senón que se elixiron espazos de alto valor natural e paisaxístico como foron o cabo Vilán e o cabo Touriñán. No primeiro instalouse unha baixo a oferta de crear máis de 70 postos de traballo, que despois serían menos dunha terceira parte. Curiosamente esta piscifactoría, tal como foi denunciado por unha asociación ecoloxista, estivo máis de cinco anos sen permiso de vertidos, cando o debería ter antes de iniciar a actividade. A súa construción deixou un notable impacto nun dos lugares máis senlleiros desta nosa costa.

O proxecto de Pescanova para construír a piscifactoría do cabo Touriñán era moito máis ambicioso, pois chegaría a ocupar uns 357.000 m2, co cal outro dos salientables espazos naturais quedaría gravemente danado con esta magna obra. O impacto ambiental realizado pola propia empresa promotora recoñecía unha afección crítica para os bancos marisqueiros, especialmente o do percebe e para a paisaxe, pero a pesar deste adverso informe, o goberno da Xunta aprobaría igual a iniciativa. Unha vez máis a mobilización cidadá, conseguiría botar abaixo o proxecto, de boa nos libramos, que de ir adiante, actualmente teríamos un verdadeiro mostro de cemento en abandono.

Penedos de Traba e Pasarela-O Camelo
O Camelo

Por estes mesmos anos chegou tamén o andazo da apertura de canteiras, debido ao auxe da construción. A infección chegaría ata a paraxe singular dos penedos de Pasarela e Traba de Laxe. Unha empresa de maneira ilegal intentou abrir unha destas explotacións ao pé da pedra da Cachucha, pero diante da denuncia da A. C. Adiante Soneira, paralizouse a iniciativa. No ano 2006, outra empresa retomou o proxecto da canteira contando co apoio expreso do alcalde de Vimianzo daquel momento, que logrou crear un clima favorable a esta iniciativa coa oferta de numerosos postos de traballo, os mesmos cantos de serea de sempre. A mobilización de numerosas asociacións e colectivos, que entre outras accións, convocaron a manifestación de Pasarela aos penedos, o 11 de xuño de 2006, lograron paralizar este novo intento de agresión e conseguiuse que os penedos fosen declarados Paisaxe Protexida en 2009.

O penúltimo intento de ataque grave sobre esta Costa do Solpor foi o do proxecto de apertura da mina de ouro de Corcoesto. O método utilizado sempre o mesmo, o ofrecemento de centos de postos de traballo aproveitando un momento de crise económica. A magnitude do proxecto era enorme. A súa superficie sería como a que ocuparían 400 campos de fútbol e para extraer unhas 34 tm de ouro, supoñería acumular uns 122 millóns de tm de entullos e utilizar miles de tm de produtos tóxicos e enormes balsas para depositar os residuos producidos. Unha auténtica loucura, que de chegarse a facer realidade, o impacto ambiental sería demoledor, e no caso de producirse un accidente nunha das balsas, arrasaría toda a desembocadura do Anllóns. Pero sorprendentemente esta desatinada iniciativa contou co beneplácito dalgúns alcaldes. Outra vez máis, asociacións e colectivos, co apoio dalgúns partidos políticos e sindicatos, conseguiron paralizar a que sería unha das maiores agresións que se cometerían contra a Costa da Morte.

Cando xa nos parecía que este tipo de atentados era cousa do pasado, aparecen os parques eólicos, que baixo o paraugas da produción de enerxías alternativas, parece que teñen preferencia para situárense onde lles pete, sen o máis mínimo respecto por aqueles espazos protexidos polo seu valor histórico ou natural. Estas iniciativas, promovidas por empresas multinacionais tan só buscan o lucro económico, sen interesarlles para nada o desenvolvemento do territorio no que implantan estes parques.

Deste xeito, os penedos de Pasarela e Traba volven de novo a seren ameazados coa instalación do parque eólico proxectado para o Monte Chan, a pesar de seren un espazo protexido. Diante deste novo intento de ataque a este parque temático natural dos penedos, ocórrensenos estas interrogantes: Vai permitir a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia semellante agresión? Permanecerán impasibles diante deste atentado, alcaldes o outras autoridades que presumen na Feira Internacional de Turismo (FITUR) das valiosas calidades naturais do territorio ao que representan? Tolerará o sector turístico da Costa da Morte, logo de promover un turismo verde, de contacto co medio natural, que se degrade un espazo singular como estes dos penedos? Agardamos que todos eles se mostren defensores desta causa ben xusta. Ou terán que ser de novo as asociacións e demais colectivos, é dicir, a sociedade civil, a que interveña para salvar, unha vez máis, os penedos de Pasarela e Traba?

 

Novas relacionadas

Artigos da serie Camariñas no lampexar do tempo

Outros artigos de Xan Fernández Carrera

Comentarios