Nuria Kolb: “Antón Mouzo foi un artista autodidacta, pero cunha curiosidade insaciable”

Este sábado 7 de xuño, ás 12:00h, o Faro Vilán estrea unha exposición singular. “Antón Mouzo. A luz e a terra” rescata o legado o pintor vimiancés, nado o 14 de maio de 1957 e faleceu na Coruña o 5 de xullo de 2007. Mouzo Lavandeira deixou un pouso na sociedade e na cultura da Costa da Morte como deses artistas cuxa obra non só cautivou visualmente, senón que tamén narra a súa propia historia única.
18 anos despois do seu pasamento, e tras un traballo na pasada década do Concello de Vimianzo de recuperación do seu legado (a sala de exposicións da Casa da Cultura leva o seu nome, e conta con varias obras doadas pola familia), agora é Nuria Kolb a que, en colaboración cos irmáns do artista, que custodian a obra, está a impulsar esta nova mostra. A comisaria presenta unha escolma de pezas emblemáticas como a serie das árbores e as obras realizadas con mica, así como en materiais que contextualizan outras etapas da súa traxectoria e o seu carácter autodidacta e investigador.
Falamos con Kolb, esta profesional da comunicación, nada en Alemaña e criada en Calo:
- Como chega Nuria Kolb ata ese legado artístico?
Coñecino de nena, porque meus pais o trataron dende a súa chegada e eu gardo moitos recordos no seu taller. Parte da súa obra en Alemaña naceu precisamente nunha viaxe á cidade de orixe da miña familia, na que acompañou aos meus pais. No 2018, rematando o meu Mestrado en Xestión do Patrimonio, a miña intención era centrarme na obra de Mouzo para crear un proxecto expositivo na Igrexa da Universidade. Non foi posible nese momento, pero o que si abrín foi un perfil en redes para dar a coñecer os seus traballos. Non había moita información online neses momentos e pensei que podería axudar a recordalo.
Mentres eu compartía o seu traballo nas redes, os irmáns Mouzo Lavandeira, estaban a facer unha gran labor de catalogación do seu legado, xa que a herdeira orixinal foi a nai do artista, e legou as pezas aos seus fillos no 2018 para que a obra permanecera xunta, ano do seu falecemento-
Toda esta documentación pode visitarse contactando na súa web: www.antonmouzo.com. Ademais, o seu legado artístico atópase conservado na Colección Mouzo Lavandeira Irmáns, que pode ser visitada baixo demanda contactando cos irmáns a través do seguinte correo: antonmouzoirmans@gmail.com.
En canto nos decatamos deste traballo paralelo, comezamos a comunicarnos. Esta exposición é, de feito, un proxecto conxunto. A selección das obras fíxose entre todos, aínda que o traballo máis intenso foi deles.
- Que é o que máis che sorprendeu da obra de Antón? Por que cres que é importante o seu legado?
Antón Mouzo foi un artista autodidacta, pero cunha curiosidade insaciable. Nun momento da súa vida decide dedicarse por completo á investigación con materiais e técnicas. Poucos artistas contemporáneos fabricaban o seu propio material. Di que lle gustaría ter sido varios pintores, e iso vese na súa evolución constante.
Pouca xente sabe que foi un dos pioneiros da videoinstalación en Galicia, coa súa peza Montaña Disoluta, que chegou a expoñerse no CGAC. Para min, as súas instalacións son das obras máis impactantes. A que fixo para a igrexa de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago, no ano 2000, é inesquecible para min, que a viu cos ollos dunha nena acompañada polo meu pai.
Outra exposición que me marcou foi “Cos pés na terra”, na Casa da Parra en 1999, centrada nas súas pezas con mica, un material que recollía el mesmo polos montes da contorna.

- Cantas obras forman a exposición? Foi difícil escoller?
Si, foi complicado. A sala é pequena e tiñamos que adaptarnos ao espazo. Ao principio pensáramos incluír obras menos coñecidas, como as relacionadas co mar, pero decidimos centrarnos en pezas representativas da súa maneira de traballar cos materiais, sobre todo porque a última exposición dedicada ao seu nome foi en 2011.
A mostra inclúe 7 pezas: unha gran obra que reproduce a súa mesa de traballo, as famosas botas de buxo (ás que Manuel Rivas dedicou un poema), unha peza da súa serie Árbores, do 2006, rematada pouco antes da súa morte, dúas obras con materiais reciclados do lixo, neste caso de latas de refrescos e papel fabricado polo propio artista. Tamén dispuxemos as cuncas de cerámica orixinais con mica e outros elementos que gardaba na súa casa para futuras creacións. Estas cuncas de cerámica tamén as trouxemos para que se poida imaxinar mellor o seu proceso creativo. Trouxemos un debuxo que reflexa como estaban dispostas na súa vivenda da Coruña.

- Que ides facer con esta exposición despois do paso polo Vilán?
Queremos seguir difundindo a obra de Antón. No 2027 cúmprense 20 anos do seu falecemento, e encantaríanos organizar unha exposición máis ampla, con carácter conmemorativo. Esta mostra é un primeiro paso para continuar poñendo en valor o seu traballo.