O BNG vimiancés denuncia a irresponsabilidade da oposición
O pasado sábado, 25 de maio, o goberno do Concello de Vimianzo someteu á aprobación do Pleno, por segunda vez, a proposta dunha modificación de crédito de algo máis de 60000 euros, destinada a contratar 6 traballadores/as de Protección Civil e a conceder a 200 familias axudas para libros e material escolar.
Esta proposta foi rexeitada, polo grupo dos sete concelleiros (3 “independentes”, 2 do PP e 2 expulsados do PSOE) que, segundo o BNG vimiancés, "sistematicamente se dedican a intentar boicotear e poñer toda clase de obstáculos a calquera iniciativa do grupo de goberno e da alcaldía".
Os concelleiros da oposición "limitáronse a votar en contra da iniciativa, pese ao ofrecemento de negociación por parte do alcalde", explica o BNG, "sen importarlles para nada que eses traballadores perdan a oportunidade de seren contratados, nin que esas familias con menos recursos queden sen as axudas para os estudos dos seus fillos".
Ademais, segundo o grupo do BNG "acompañaron a súa negativa cun espectáculo de berros e insultos destinado, supoñemos, a facer de cortina de fume para intentar desviar a atención da súa actitude negativa e totalmente contraria ao ben común dos veciños e veciñas de Vimianzo". Un BNG que denuncia que "a súa única motivación: intentar recuperar o poder para instaurar de novo o reino de corrupción ao que estaban afeitos.
Novas relacionadas
- Pagando a Casa da Cultura de Vimianzo.
- Paso adiante nas obras de saneamento da Piroga.
- Cee e Vimianzo poden despedirse do Grumir.
Fonte
- Nota de prensa do BNG de Vimianzo.