Os Irmandiños comezan a preparar o Asalto ao Castelo 2012

Comezan as A.X. Cherinkas e A.C. Axvalso a carreira do XVII Asalto ao Castelo 2012. A conta atrá xa comezou e en breve comezaremos a disfrutar dos simpáticos vídeos de promoción, que esperamos como auga de maio (ou sol máis ben...).
O caso é que xa están preparando as 3 actividades paralelas que requiren a implicación de hostaleiros, artesáns e veciños, como son a V Ruta dos Pinchos Irmandiños, a II Feira Medieval e a III Cea Medieval. Así que mentres non nos dan pistas sobre o cartel do Festival (cita obrigada da Axenda Sonora da Costa da Morte), imos coñecendo as novidades dunha cita que vai moito máis alá da música e da festa.
Este ano o Asalto ao Castelo concorrerá cos San Fermíns no 7 de xullo de 2012. Entre as novidades, este ano celebrarase unha Gala de Presentación do Asalto na tarde-noite do 2 de xuño da que se dará información concreta nos días previos. Por agora, só se pode adiantar que se fará a presentación do cartel do asalto, da obra teatral, o casting... todo envolto na maxia do teatro, música, humor e sorpresa.
III Cea Medieval

Unha das actividades do Asalto que esperta máis interese é a Cea Medieval. Con tan só dúas edicións, cada ano aumenta o número de persoas que desexa conseguir entrada para degustar un menú propio da época no venres anterior ó Asalto. O entorno no que se sitúa a cea, o foso do castelo, é unha das cousas que máis atrae ás xentes, sendo tamén o que limita o evento, pois nel non podemos reunir máis de 300 comensais. Para evitar monopolizar as entradas en poucas mans, fixarase un límite de entradas por persoa e haberá varios prazos en función do grao de axuda da xente. O custo das entradas situarase nos 20 €.
Para os organizadores, colaboradores e patrocinadores o prazo –xa aberto– rematará o 31 de maio. Estas entradas terán que ser solicitalas aos coordinadores e cada persoa poderá comprar un máximo de dúas.
A partir do 1 de xuño as entradas estarán a disposición do público e poderán retiralas na Casa de Cultura de Vimianzo (pola mañá no Departamento de Cultura, pola tarde na Biblioteca). Neste caso, poderán adquirir un máximo de 4 entradas.
Como novidade da Cea Medieval, este ano a partir das 02h da mañá abriranse as portas a todo o público para disfrutar da actuación musical que pechará a velada do venres.
II Feira Artesanal

Encadrada no programa de actividades do Asalto ao Castelo, volverá a ter cabida na praza do Concello e ó longo da rúa Vázquez Mouzo. A feira convertirase no atractivo e na vida desta zona do pobo, amosando o talento artístico de todos os seus compoñentes.
- Inscrición de artesáns: O espazo para montar os postos é gratuíto, mais as persoas interesadas deben saber que non se aceptarán postos que ofrezan comida ou bebida. As únicas esixencias son, por unha banda, inscribirse en tempo e forma (hai que cubrir unha ficha que se pode descargar da web do asalto www.asaltoaocastelo.org e enviala a cherinkasax@yahoo.es ou presentala na Casa de Cultura de Vimianzo) e, tamén, limitar o posto de exhibición e venda a unhas medidas máximas de 3 metros de ancho. Débese incluir neste apartado un aspecto importante para os participantes: é aconsellable que se vistan ó xeito do Medievo, co fin de non desentoar no ambiente da festa.
V Ruta dos Pinchos Irmandiños

Tamén queren comunicar aos bares de Vimianzo que este xoves 10 de maio ás 21:00h, no Pub Mehari, terá lugar a reunión para sentar as bases dos V Pinchos Irmandiños que ano tras ano se consolidan como unha actividade de masas.
Máis información
Novas irmandiñas
- Os colaboradores de QPC tomaron a palabra coa participación da Cherinkas.
- Asalto 2011: A Cherinkas pégase unha autohomenaxe irmandiña.
- Asalto 2011: O Asalto 2011 en vídeo.
- Asalto 2011: Os irmandiños volveron recuperar o poder do Castelo de Vimianzo.
- Asalto 2011: A artesanía irmandiña.
Máis novas festivaleiras
- 24 horas de natureza, praia, música, arte en Valarés.
- Moito máis que música no Sereas e Piratas de Razo.
- Malpica “josará” cos Heredeiros da Crus no Nordestazo Rock 2012.
Fonte
- Nota de prensa do Secretario da A.X. Cherinkas, Óscar Santos.