Mércores. 09.10.2024
El tiempo

O programa de Outono de Vimianzo, unha referencia comarcal

PRESENTACIÓN Vimianzo Programa
Rosa Blanco, Mónica Rodríguez e Nieves Lema na presentación do programa
O programa de Outono de Vimianzo, unha referencia comarcal

Sempre destacamos os Concellos que realizan unha programación continua para encher os seus auditorios. Que a veciñanza saiba que hai función é fundamental para achegar as propostas culturais ao rural.

O de Vimianzo é un dos mellores exemplos, cos seus programas de 3-4 meses, que permiten que a xente saiba con antelación, e case por inercia, que tal día é día de teatro.

Así o destacaron este venres a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, e a técnico de Cultura, Nieves Lema, durante a presentación da programación de outono 2022 do Auditorio da Casa da Cultura.

Unha programación que encherá o Auditorio vimianciés os sábados (ás 20:30h as citas para adultos) e domingos (ás 18:30h para o público infantil) de outubro a decembro cun total de 14 espectáculos, cofinanciados pola Rede Cultural da Deputación da Coruña e a Rede Galega de Teatros e Auditorios Agadic da Xunta de Galicia. 14 funcións de primeiro nivel do panorama cultural galego no que ten cabida o cine, a música, narración oral, teatro e a comedia.

A venda anticipada das entradas será a través de www.woutick.es (gastos de xestión incluídos) ou na billeteira da Casa da Cultura de luns a venres de 9:00 a 14:00h.

Programa para Adultos

Programa_AUDITORIO_PADULTOS OUTONO 2022 Vimianzo

- Venres 14 de outubro: proxección da película “Lúa vermella” dentro do Ciclo Nacional de cine y Mujeres rurales do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para conmemorar o ‘Día Internacional das Mulleres Rurais’. .

- Sábado 15 de outubro: a compañía Os Monicreques de Kukas achega ‘Don Gaiferos’.

- Sábado 22 de outubro: as televisivas Eva Iglesias e Inma Morandeira son as protagonistas da comedia de enredo chea de situacións disparatadas,’Nais’.

- Sábado 29 de outubro: Malasombra Producións representa o espectáculo ‘De algo hai que morrer’, moito humor con Xoque Carbajal e Jouse García.

- Sábado 12 de novembro: ‘Como dicía o outro’ de Cándido Pazó.

- Sábado 19 de novembro: Chévere trae o espectáculo ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E’, a caixa negra do Prestige. Unha oportunidade única de ver en Vimianzo este espectáculo, que se estreou no teatro María Guerrero de Madrid e xirou polo territorio nacional.

- Sábado 26 de novembro: a compañía Eléctrica co espectáculo ‘Miss Docet’ que contou co patrocinio do Concello de Vimianzo.

- Sábado 3 de decembro: a compañía A Panadaría presentará o espectáculo ‘As que limpan’ .

- Sábado 10 de decembro: a compañía madrileña Punto De Partida Teatro que nos achega a súa última montaxe ‘Foile’, unha comedia dramática coa que emocionarse e rir a partes iguais e na que a vimiancesa Rosa Pérez forma parte do elenco.

Programa Infantil

Programa outono infantil 2022 Vimianzo

- O domingo 16 de outubro ‘Rockeamos todas’ será o espectáculo musical que achega a Vimianzo Pakolas coa súa Ramona Órbita.

- O domingo 30 de outubro celébrase o Samaín coa ‘Festa malvada’ de Teatro Calavera e na que a rapazada pode acudir con disfraces.

- O domingo 13 de novembro Trécola Producións presenta a peza de monicreques de fío, ‘Xogo Revolto’ na que as nenas e nenos se senten directamente identificados dende o principio e decataranse de que o seu comportamento inflúe nas persoas que os rodean.

- O domingo 20 de novembro os Bolechas chegarán unha vez máis a Vimianzo, co espectáculo ‘O aniversario do avó’ da man do GDR Costa da Morte e financiado polo Programa FalaRedes da Secretaría de Política Lingüística da Xunta De Galicia.

Comentarios