Martes. 23.04.2024
El tiempo

Roberto Mouzo, un dos grandes dignificadores do patrimonio costeiro, recibirá unha completa homenaxe

Roberto Mouzo, un dos grandes dignificadores do patrimonio costeiro, recibirá unha completa homenaxe
Homenaxe a Roberto Mouzo en Vimianz Presentando a homenaxe a Roberto Mouzo en Vimianzo

Completo programa de actos de homenaxe a Roberto Mouzo Lavandeira a que prepara o Concello de Vimianzo. A aposta máis importante é a exposición de parte da súa obra, que toca diferentes ámbitos desde o inventario arqueolóxico e etnográfico, a realización de mapas e itinerarios e en definitiva, á investigación da historia local.

O sábado 8 de abril ás 20h na Casa da Cultura de Vimianzo celebrarase un emotivo acto de inauguración. Participarán no acto diferentes persoas que traballaron con el desde a perspectiva histórica (Xosé María Lema, coautor de varias obras con Roberto); activista (Manuel Rivas, escritor); institucional (Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo) e desde un punto de vista máis persoal con amigos e familiares.

Roberto Mouzo Lavandeira (1964-2013)

Roberto Mouzo-Foto-Compas da Costa

Roberto Mouzo Lavandeira naceu en Vimianzo en 1964 e finou na súa mesma vila natal en 2013, ós 49 anos. Estudou enxeñería técnica agrícola en Lugo (1982-1985) e, entre as súas afeccións, como el mesmo confesaba, estaban a cartografía o debuxo, a fotografía, a toponimia e a arqueoloxía. Pola dimensión, importancia e actualidade da obra que nos deixou  merece ser recoñecido como un auténtico soneirán de honra, e foi toda a súa vida un apaixonado vimiancés de corazón.

Sen temor a caer en esaxeración podemos decir que nada do que se refire ao noso patrimonio natural e cultural da Terra de Soneira quedou alleo á mirada atenta de Roberto. De talante reservado, discreto, fuxindo de calquera tipo de protagonismo pùblico e mediático, converteu o seu traballo, nun acto de dignificación  de cada obra ou feito  que investigaba.

Como bo herdeiro das botas de seu pai, -botas que inmortalizou o seu irmán Antón, pintor– Roberto Mouzo pateou cada curruncho da comarca  co seu caderno de campo, a cámara fotográfica e cos seus utensilios de agrimensor, xa para localizar e estudar unha anta ou un castro, buscar un petróglifo, xa para medir, facer un esbozo ou un apuntamento dun muíño, dun cabazo, dun cruceiro, dun escudo, dun castelo, dun pazo... ou mesmo para fotografar, interpretar e proxectar siluetas dos penedos multiformes de Pasarela e Traba, ou do Piñeo, un  a un, nome  a nome... E todo ese caudaloso volume de datos de campo que ía recollendo na  cámara e no caderno era gardado no seu ordenador persoal para que, despois de horas e horas de traballo, saísen á luz froitos, elaborados con precisión e agarimo, en forma de debuxos, planos, mapas, deseños, ilustracións, fotos, fichas, cadros sinópticos, etc.

A súa vocación de agrimensor –xa dixemos que fixera estudos de enxeñería técnica agrícola- estivo presente en toda a súa obra. Véxanse senón como mostra eses debuxos dun aparello artesanal, fermoso exemplo de sabedoría popular, coma un batán, perfectamente diseccionado e medido peza a peza, ou véxase, tamén, a magnífica representación que fixo da nosa arquitectura megalítica máis importante  en tres dimensións...

 Roberto Mouzo, perfeccionista, traballou a súa obra a xeito dun artesán, tan minucioso coma un ourive. Os seus innumerables planos, os seus numerosos mapas temáticos – cantos roteiros deseñados pola Terra de Soneira e boa parte da Costa da Morte! - están feitos cun trazo fino e preciso; coa maior diversidade posible de cores; cada información, nome, debuxo ou símbolo, perfectamente engarzados, localizados e incluso con siluetas personalizadas dos diferentes monumentos. Todo tan pulcramente coidado e acabado que a un lle queda a impresión de que non falta nin sobra nada. Mágoa  que toda esta cartografía non sexa utilizada aínda como é debido polos nosos nenos e a nosa mocidade nos centros de ensino!

Unha parte da obra de Roberto  fica gardada no seu ordenador: incontables fotos, debuxos, gráficos… en espera de que algún día saian a luz,  pero  outra boa parte figura,  xa en  colaboración con Xosé Mª Lema, xa en publicacións colectivas. A parella conformada por Xosé Mª na parte literaria e Roberto na gráfica, publicou, entre libros e  documentais, un total de  seis obras, con temáticas relativas á comarca (o castelo de Vimianzo, os batáns do Mosquetín, os Penedos de Pasarela e Traba, etc.).

”A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (2010)”, unha guía modélica do estudo dunha comarca, foi unha obra colectiva que contou coa colaboración de Roberto na parte gráfica: os seus 26 mapas temáticos, 21 gráficos, todos os debuxos e boa parte das fotos foron da súa autoría. Con esta e con outras obras, Roberto Mouzo é sen dúbida o primeiro autor de mapas temáticos con roteiros da Terra de Soneira.

Algunhas destas rutas deseñadas son únicas, foi el o seu creador, débeselle a el a iniciativa, tales como as Rutas dos Penedos, a Ruta Arqueolóxica ou a Ruta da Cadea Humana dos escolares galegos do 22-01-2003 polo desastre do petroleiro “Prestige” (único testemuño gráfico dun acontecemento que debera figurar no libro Guinness, pois xuntar 40.000 alumnos/as de toda Galicia ó longo de 40 km de costa non se dá conseguido todos os días); do mesmo xeito, a partir dos datos dos investigadores atreveuse a reconstruír o trazado da Ruta da Vía XX romana “per loca maritima” do Itinerario de Antonino ó seu paso pola Costa da Morte ou as vías de comunicación da Terra de Soneira ó longo dos séculos XIX e XX.

Xosé María Méndez Doménech e mais el elaboraron unha obra tamén única, senlleira: o cadro mural sinóptico coa xenealoxía das principais familias fidalgas da Terra de Soneira, encabezadas polos Traba, Mariño e Moscoso, de tanta importancia na Historia da Galicia medieval.

Roberto Mouzo foi un home plenamente implicado co asociacionismo. Sempre estivo aberto á colaboración veciñal e coas entidades sociais. Xa para asesorar,  xa para compartir deseños e ilustracións ou mesmo para confeccionar carteis. Entre outras, colaborou con Vencello, unha das asociacións culturais decanas da comarca; coas asociacións xuvenís Axvalso e Cherinkas e mais coa agrupación deportiva Vimio. Foi directivo-fundador do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (2005), o manancial da maior parte das súas publicacións. Igualmente foi directivo do colectivo Adiante Soneira, protagonista dun traballo intenso e exitoso tanto pola súa contribución ao recoñecemento oficial pola Xunta da Terra de Soneira como unha das 53 comarcas do Mapa Comarcal de Galicia (DOG 03-04-1997), como na defensa e protección dos Penedos de Pasarela e Traba, loita iniciada en 1997 e culminada de maneira exitosa coa declaración de Paisaxe Protexida por parte da Xunta de Galicia (DOG 14-01-2009).

Fonte

  • Concello de Vimianzo.

Comentarios