Sábado. 24.07.2021
El tiempo

O SEMESCOM presentou alegacións contra os dous proxectos dos parques eólicos que ameazan os Penedos

O P.E. Pena dos Mouros tamén afectaría dúas rutas de capital importancia: a Ruta dos Naufraxios da Costa da Morte, no seu 2º percorrido de Laxe a Santa Mariña (segundo a obra pioneira de José Baña Hein, 1979), e a exitosa Ruta de sendeirismo O Camiño dos Faros, no seu 4º tramo.
Galla da Pena Forcada, á esq., parte dos Penedos do Piñeo (XMLS) copia
Galla da Pena Forcada, á esq., parte dos Penedos do Piñeo (Foto: XM Lema Suárez)
O SEMESCOM presentou alegacións contra os dous proxectos dos parques eólicos que ameazan os Penedos

Novos rexeitamentos aos proxectos eólicos do “Monte Chan” e da “Pena dos Mouros”. Desta vez, é o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) o que vén de enviar á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia alegacións en contra do documento de inicio do procedemento de impacto ambiental dos parques. A súa grave afectación aos espazos naturais dos Penedos de Pasarela e Traba e aos seus veciños do Piñeo da serra da Pena Forcada, é a chave.

O SEMESCOM e a Plataforma Salvemos os Penedos invitan á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia a “que transforme esta ameaza contra os Penedos nunha oportunidade inmellorable para recuperar o Plan de Conservación dos Penedos”, esquecido dende hai 12 anos.

Alegacións contra o proxecto eólico Monte Chan

Contra o de Monte Chan ofrecen razóns lexislativas; científicas e naturais; históricas, culturais e literarias; económicas; e mesmo Didácticas.

Que os Penedos estean declarados Paisaxe Protexida é algo fundamental: “impacto visual dos xigantescos aeroxeradores de 90 m a 150 m de altura (sen contar as aspas) que se pretenden instalar, tres veces máis altos ca Torre de Hércules da Coruña ou cá fachada do Obradoiro da catedral de Santiago”.

O apartado das razóns científicas e naturais céntrase primeiro nos estudos xeolóxicos, pois os Penedos de Pasarela e Traba xa interesaran no séc. XIX ao famoso enxeñeiro hispano- alemán Guillermo Schulz, e no XX ao xeólogo Isidro Parga Pondal, para finalmente pasar ao recente estudo científico pormenorizado do Prof. Dr. Juan Ramón Vidal Romaní (Universidade da Coruña) -resumido nas alegacións-, que as denominou “formas graníticas únicas no mundo”.

O Semescom pon 12 páxinas sobre as razóns arqueolóxicas, históricas, culturais e literarias. Tamén ofrecen razóns económicas centradas sobre todo no turismo.

Alegacións contra o proxecto eólico Pena dos Mouros

Contra o P.E. “ ́Pena dos Mouros” o Semescom tamén presentou alegacións, que neste caso se centraron en razóns lexislativas, científicas, naturais e paisaxísticas, pois afecta, polo oeste, á área Protexida, e invalidarían a chamada Ruta dos Penedos do Piñeo que propoñen varias guías turísticas, que se desenvolve no primeiro tramo da Serra da Pena Forcada, que vai bordeando a costa a mar aberto desde Pasarela (Vimianzo) e Mórdomo (Laxe) a Camelle (Camariñas); ruta que conta con espectaculares penedos -no informe adxúntanse fotografías- con nomes tan suxerentes como A Capela de Lucas, A Pena dos Mouros. O Castelo, Pena Tellada, Pena Orelluda, Pedra do Frade ou do Home ou Pena da Aiga.

Ademais, este afectaría dúas rutas de capital importancia: a Ruta dos Naufraxios da Costa da Morte, no seu 2º percorrido de Laxe a Santa Mariña (segundo a obra pioneira de José Baña Hein, 1979), e a exitosa Ruta de sendeirismo O Camiño dos Faros, no seu 4º tramo.

Novas sobre Os Penedos

comentarios