"As sesións de autocoidado deberían ser propostas polo SERGAS"

Hoxe queremos volver a falar co persoal sanitario que segue día a día en primeira liña de batalla. E imos ata a comarca de Soneira, para analizar como son esas exportables sesións de autocoidado que se están desenvolvendo no Centro de Saúde de Vimianzo, no que as pacientes son @s propi@s profesionais sanitari@s.
Da man dunha coach (á que xa coñecen como “a nosa Campanilla”), van analizando as ferramentas que os profesionais poden usar no día a día, axudando a empatizar, a poñerse no lugar do usuario, e ao mesmo tempo aprender a ter en conta as túas propias necesidades.
Unha realidade á que debería mirar en fite a administración, porque a saúde laboral é saúde, e se xa se está a facer en grandes empresas, en situacións coma esta
Para ver como funciona falamos con Eva Iglesias Ríos, Enfermera PAC Vimianzo; e mais con outra profesional sanitaria que prefire ficar no anonimato.
- QPC: Antes de nada, como estades levando esta crise sanitaria?
- Eva Iglesias: Ao principio, caos. Porque había unha disonancia entre o que ocurría e as informacións que tiñamos debido á pandemia. Faltábannos os equipos de protección individal (EPIs) e medidas específicas para sanitarios: dúbidas en caso do noso illamento para non contaxiar a pacientes ou familiares tras a atención a paciente diagnosticados con resultado positivo. Medo, era outro dos síntomas. Neste momento, que parece ir remitindo a pandemia, queda certa incerteza da evoluciìon e precaución de cara ao futuro, por suposto.
- Unha compañeira anónima: Ao principio como o resto dos caidadáns, con incredulidade e descoñecemento. Eu, en particular, sen medo.
- QPC: Como sentides eses aplausos das 20:00?
- Eva Iglesias: Nun primer momento, como agradecemento por todo o acontecido. Mais a medida que se está alongando a situación, creo que máis ben innecesario. Nós, os sanitarios, facemos o noso traballo como podemos e sabemos. Non somos anxos nin demos, e gustaríanos, a min polo menos, que despois da pandemia todos nós xunto co SERGAS e a poboación puidésemos plantexar unha revisión do sistema de saúde. O noso sistema de saúde, e como consecuencia a Atención Primaria (AP), pilar básico e fundamental para a saúde e dotada de bos profesionais moi cualificados e ás veces non valorados por todos. Entre todos nós teremos que usar de forma máis responsable e axeitada os recursos dos que dispoñemos, por exemplo: listaxes continuadas no médico, urxencias banais nos PACs, uso indiscriminado de ambulancias como taxis, etc.
- Unha compañeira anónima: Agradecida pero allea, para min segue sendo o meu traballo, sen máis.
- QPC: Cóntanos un pouco como son esas sesións de autocoidado que estades realizando no Centro de Saúde de Vimianzo?
- Eva Iglesias: Pois moi importantes para todos nós, sanitarios e non sanitarios (PSX e celadores) porque entre todos compartimos sentimentos, preocupacións, dúbidas como se fosemos un grupo que vai a terapia a poñer en común os problemas, dificultades, medos, etc. Estas sesións axúdannos a disminuír esas sensacións e aprender a dicir: “eu non son culplable de todo, non todo depende de min”.
- Unha compañeira anónima: Teño a sorte de ter no meu equipo unha compañeira que ademais de ser unha excelente profesional sanitaria é coaching. Ela é a que nos dá as sesións impagables, que son de moita axuda e aprendizaxe para o noso traballo.
- QPC: Cales son as pautas que levades a cabo durante as sesións?
- Eva Iglesias: Na primeira sesión hai unhas nocións do síndrome Burn&Out, un formulario persoal, causas deste distrés (estrés non adaptativo ou crónico) e síntomas tales como ansiedade, insomnio, cefalea, depresión, pérdida de concentración no traballo, etc. Na segunda parte, onde se presentan pautas e axudas de cara a afrontar este distrés. Aquí hai tamén unha interación ca coach ou instrutora, Dra. Zardoya, aprendendo e practicando técnicas de respiración, relaxación, fixar obxectivos concretos, autoavaliación persoal e autocoñecemento.
- Unha compañeira anónima: As pautas son varias, como afrontar e como adaptar o estrés para que non repercuta en nós nin no usuario. Hai técnicas de respiración e relaxación totalmente efectivas..
- QPC: Cales son os temas máis recorrentes durante as sesions?
- Eva Iglesias: Quizais esa sensación de “non dar para máis”, de sentimento de "culpabilidade" por non poder atender todo correctamente como nós quixeramos. As longas listaxes de citas, altos consultas de 30-40 doentes ao día en AP , PACs con urxencias banais e outras non tan banais que de por si xa xeneran un gran nivel de estrés. Ese non poder comunicar e interactuar mellor cos pacientes e familiares ocasiona o aumento de demanda de consultas. Iso tamén produce estrés.
- Unha compañeira anónima: Como repercute a carga de traballo, e como axudar a xestionalo é un reforzo positivo, un recordatorio.
- QPC: Cales diríades que son as situacións que vos causan máis estrés? Ou, pola contra, é todo un cúmulo de pequenas accións que desembocan no estrés?
- Eva Iglesias: Eu penso que a segunda, porque como comentei anteriormente a atención primaria precisa dun cambio. Por unha banda, a administración sanitaria precisa da poboación para os seus intereses e actúa como consentidora, é dicir, prima a máxima de “o paciente sempre ten a razón”. Isto, non sempre é así. Ás veces utilízanse mal os recursos dos que se dispón, ou polo menos con irresponsabilidade. Isto sucede en todos os ámbitos, non só na sanidade. Hai que resaltar que a importancia está na raíz, nas etapas temperás, hai que iniciar xa nas escolas a educación en saúde. Defender o público depende de todos, e é obvio que debemos replantexarnos todo.
- Unha compañeira anónima: Penso que é un cúmulo de situacións especialmente do persoal médico.
- QPC: Como sinalábades, estudos recentes indican que a metade d@s profesionais de enfermería en España xa sinalaban sufrir, en condicións normais de actividad asistencial, o síndrome do profesional “queimado” (burn out) e 8 de cada 10, estrés. No voso caso particular, na área de Soneira, como vos vedes?
- Eva Iglesias: A sensacion de estar queimados témola, seguro, eu penso, todos os profesionais que traballamos na sanidade, e concretetamente en Urxencias que é onde eu traballo. A mala utilización dos recursos por parte da poboación, ou o abuso de estos servicios, é unha constante. Agora baixou a presión asistencial e noóase ben, pero persoalmente costa crer que isto poida cambiar cando se levante o estado de confinamento. A facilidade de acceso e a inmediatez fan que a demanda sexa desmesurada, agobiándonos e quedando esgotados para atender axeitadamente as patoloxias graves. A falta de equipos de PAC completos como por exemplo no noso caso e durante a noite, ocurre que si un equipo (médico-enfermeiro) sae a un domicilio, queda só un médico no centro sen enfermeiro, co risco que iso supón.
- Unha compañeira anónima: Eu en concreto non penso que sexa máis do persoal médico, que ten moita carga de traballo.
- QPC: Tras a primeira sesión, cal foi o resultado do persoal? E despois da segunda?
- Eva Iglesias: Penso que reconfortados ca terapia de posta en común dos sentimentos e dificultades. Ás veces necesitas ver e compartir que a todos nos pasan situacións similares e recoñecer os problemas para atallalos con prontitude. A Dra. Zardoya é unha gran comunicadora e resulta moi doado seguila. Eu teño a sorte de compartir equipo de traballo con ela no PAC, e a verdade que é un luxo tela preto.
- QPC: Cal credes que debería ser a frecuencia destas sesións para que os sanitarios poidan realizar o seu traballo da mellor maneira posible e poder afrontar eses retos que se vos poñen diante día a día?
- Eva Iglesias: Pois non sei ben dicir a perioricidade, pero teño claro que son sesións moi necesarias. Quizáis sendo realistas dúas ou tres veces no ano sería un bo inicio, xa que hai tamén outras sesións necesarias a parte desta.
- QPC: Botades en falta algunha medida/axuda por parte das administracións para poder xestionar emocionalmente toda esta situación? Se é así, cales poderían ser esas axudas, que propostas faríades?
- Eva Iglesias: Penso que hai que facilitar ao persoal que estas sesións sexan no propio centro de saúde, para que así poideran acudir a maior parte do persoal interesado, tanto de PACs como de centros de saúde.
- Unha compañeira anónima: As administracións non sei sequera se pensan neste tema. Nós temos a sorte desta compañeira que o fai desinteresadamente. Realmente sería moi interesante que o tiveran en conta, porque é unha axuda para as profesionais sanitarias no seu traballo, non te imaxinas canto.
- QPC: Supoño que estas sesión se crearon precisamente pola situación creada polo covid, se todo vai indo a mellor e vaise normalizando a cousa, tedes pensado seguir con esta iniciativa no tempo?
- Eva Iglesias: Non estaría de máis, aínda que neste caso sería o SERGAS o que o debería propor, xa que esta compañeira está actuando de forma desinteresada neste momento e se dicimos que esta formación é importante, debería ser contemplada como formación complementaria.
- Unha compañeira anónima: Xa tiñamos antes algunha sesión. Non te imaxinas o que aprendín no trato cos demais. A aprendizaxe vale para a vida en xeral.
- QPC: Hai un par de semanas falabamos sobre a baixada de afluencia a atención primaria en estado de alarma. Como estades a vivir esta situación? Como a entendes, como medo ou como concienciación e responsabilidade?
- Eva Iglesias: Gustaríame que fose por concienciación e responsabilidade, mais penso que o medo pode máis. Medo ao contaxio a ir ao centro, medo á morte (sobre todo en grupos de risco), etc. É preocupante que vexamos reducida a asistencia de patoloxias tempo dependentes (IAM, ACV...).
- Unha compañeira anónima: Eu creo que é medo porque hai pacientes con enfermidades crónicas que non están saíndo por medio. Por suposto tamén hai responsabilidade. Deberíamos aprender moito disto.
- QPC: Cres que esta situación cambiará a nosa forma de usar a atención primaria?
- Eva Iglesias: Ogallá que si, sería necesario para sanear a nosa atención primaria, poñela en valor. Mais teño as miñas dúbidas... A realidade é que tras este confinamento aparecerán á vez todas esas citas retrasadas , esas patoloxías non atendidas, operacións, consultas... é dicir, voltaremos á normalidade e ese será o erro. Xa que esa normalidade non debe ser o referente, senón parte do problema. Penso que unha volta “á normalidade” sería a constatación de non ter aprendido nada disto. Hai que dotar á poboación de información e facelos partícipes. Non podemos colapsar o servicio e os recursos, hai que facer un uso responsable. O público é de todos e para todos.
- Unha compañeira anónima: Gustaríanos que esta situación tan límite tamén sirva de aprendizaxe. Así debería ser.
- QPC: Como repercute este teórico brote acontecido na Residencia de Maiores de Vimianzo estes días, onde 5 sanitari@s e un usuario deron positivo? Credes que aínda pode haber un repunte importante na zona?
- Eva Iglesias: Si, estou sorprendida. Lamento os positivos, obviamente, mais comparando a situación de outras residencias de maiores do estado e da comunidade, a realidade é que parece que houbo unha boa contención ata o de agora. é importante, ter en conta que nestes centros residenciais conviven moitas persoas con alto grado de dependencia, se realizan moitas actividades colectivas y teñen personal en turnos rotatorios, que los hace especialmente vulnerablesparaestapandemia. Con todo, se non reforzamos as medidas e os protocolos, este virus como xa estamos comprobando ten un contaxio moi alto. Polo tanto, si, creo que podería haber un repunte se nos confiamos e baixamos a garda.
- Unha compañeira anónima: Sabemos que na residencia son moi responsables. Ocorriu porque é inevitable.
Novas relacionadas
Profesionais sanitarios en tempos de covid-19
- Alicia Barreiro e Silvia Penide unen os sectores sanitario e cultural para lanzar unha mensaxe de esperanza.
- A médica en Baio danos recomendacións de prevención contra o coronavirus.
- As Enfermeiras Eventuais en Loita denuncian que o Sergas aproveita para precarizar máis a contratación.
- Digna Rodríguez: Unha carta ao Goberno dende unha aldea do rural galego.
- Laura Canosa: Os sentimientos dun 2020 ao outro lado da "mascarilla”.
- Paula Esteiro: Paula Esteiro, de hospitalización a domicilio: “A xente non é consciente de que calquera persoa pode estar contaxiada”.
- Jose Insua, do Centro de Maiores de Fisterra: “Temos que agradecer aos nosos anxos da garda”.
- Enfermeiras do HVdX: “É duro saber que si nos contaxiamos, non só nos afectará a nós, senón tamén a nosa familia” .