Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Tesouros de Berdoias (XII): Os 99 cabazos da parroquia (I)

Continuamos da man “Asociación Parroquial de Berdoias“ e o Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM), recuperando o rico e variado patrimonio que atesouran os lugares da parroquia vimiancesa de Berdoias. Hoxe comezamos unha serie sobre cabazos.
Paisaxe de cabazos en Grixoa, da variedade soneirá
Tesouros de Berdoias (XII): Os 99 cabazos da parroquia (I)

MOSTRA DO PATRIMONIO MATERIAL DA PARROQUIA DE BERDOIAS (XII)
CONSTRUCIÓNS DE ALMACENAMENTO DO GRAN: OS 99 CABAZOS DA PARROQUIA DE BERDOIAS (I)

Para os estudosos, o cabazo, que está plena e fermosamente integrado na nosa paisaxe, é a construción complementaria máis coñecida e emblemática da casa-vivenda. Un graneiro especializado, perfectamente deseñado para conservar o millo, secalo e gardalo.

Na parroquia localizáronse 99 cabazos, case na súa totalidade de pedra de granito e sobre pés (só hai cinco de ladrillo, e non chega a unha ducia aqueles carentes de pés, entre os que se inclúen o pequeno grupo singular dos cabazos “sen elevación”, coa cámara a rentes do chan).

A súa distribución por lugares quedaría como segue: Berdoias, 28 cabazos; Grixoa, 14; Romar, 13; A Bouza, 12; Boallo, 10; Santa Cristiña, 7; Pedra do Frade, 5; Rego dos Podres, 4; O Petón, 3; A Casanova, 3.

Integrados na Terra de Soneira e na Costa da Morte, máis do 85% dos cabazos de Berdoias son do tipo ARCO FISTERRÁN, ou tamén denominados do tipo ATÁNTICO ou FISTERRÁN, e que se caracterizan por:

  • Seren unhas construcións integramente de pedra (agás portas e teitos).
  • Posuíren unhas cámaras de planta rectangular, estreitas, máis ou menos longas e asentadas sobre un número indeterminado de parellas de pés de formas diversas, e coroados estes con cadansúa capa ou tornarratos de forma circular.
  • E teren as doelas (bloques de pedra que conforman as paredes) e as físgoas (ventos) das cámaras dispostas horizontalmente polos catro lados: nos costais ou lados longos, e nos penais ou lados estreitos.

A gran maioría destes cabazos do tipo arco fisterrán de Berdoias pertencen ás variedades «rústica» e, sobre todo, á «soneira». Tan só hai unha moi pequena porcentaxe dos de cantaría (variedade «carnota»), e doutras.

Os cabazos da variedade RÚSTICA, posiblemente dos máis vellos, construídos de forma ruda:

  • Teñen uns pés grosos, algo redondeados, ás veces simples postes, moi pouco desbastados, asentados directamente no chan ou sobre repisas pouco elevadas; con capas de forma máis ou menos planas e máis ou menos circulares;
  • Posúen cámaras moi bastas, sostidas por laxes que van de capa a capa (chamadas «pontes»nos lados costais e «testas» nos lados penais), sobre as que se van superpoñendo cachotes irregulares de pedra moi pouco labrados, e sendo os ventos os buratos resultantes da superposición desas pedras.
  • Non adoitan levar pinches ou son moi elementais, nin adoitan rematar con lampións ornamentais.
 
Cabazos na Bouza, do tipo Arco Fisterrán, da variedade rústica. Gravado por Fernando do Coto  

 

Os cabazos vellos da variedade SONEIRA, abundantes na parroquia:

  • Teñen os pés grosos e aínda de pouca altura, que xa foron adquirindo a forma troncocónica, e con capas circulares convexas.
  • As cámaras herméticas teñen como base unhas longas trabes, as pontes, que se apoian nos tornarratos. Sobre ela dispóñense as ringleiras de doelas, bloques de pedra pouco labrados, pero xa máis traballados que nos rústicos. E como característica propia e exclusiva, diferente das outras variedades, os cabazos soneiráns carecen a miúdo das pontes penais, as testas das partes estreitas.
  • Nestes penais as ringleiras de pedra adoitan rematar nunhas pezas triangulares, que son os pinches.
  • Moitos destes cabazos soneiráns non teñen remates ornamentais e, de telos, redúcense a pináculo e cruz.

Vellos cabazos en Boallo, do tipo Arco Fisterrán, e da variedade  soneira- rústica
Vellos cabazos en Boallo, do tipo Arco Fisterrán, e da variedade  soneira- rústica

Os cabazos novos da variedade SONEIRA xa teñen, a maior parte, pés troncónicos máis longos, máis estlizados e esveltos; con tornarratos e con capas tamén troncocónicas e delgadas. A cámara ten aspecto hermético, de doelas de diferentes tamaños e superpostas, sen apenas facerse desbastes entre as unhas e as outras para a aireación.

Pequeno cabazo en Boallo, do tipo Arco Fisterrán, variedade soneira copia
Pequeno cabazo en Boallo, do tipo Arco Fisterrán, variedade soneira

E dentro dos cabazos novos cómpre mencionar tamén os de cantaría (da variedade CARNOTA) que na parroquia non chegan a un 10%, cunha cámara construída con doelas regulares, de iguais dimensións, puídas previamente, perfectamente talladas e encaixadas; con físgoas ou ventos colocadas dun xeito tamén regular; con pés prismáticos, cilíndricos, ou incluso troncocónicos nos máis antigos; e con capas de forma de roda ou troncocónicas.

Cabazo de cantería en Berdoias, do tipo Arco Fisterrán, variedade carnota. cai copia
Cabazo de cantería en Berdoias, do tipo Arco Fisterrán, variedade carnota.  

Por outro lado, os modernos exemplares de cabazos de albanelería (de cemento e ladrillo) son un número ínfimo dentro do conxunto da parroquia. O mesmo que os cabazos “sen elevación” ou sobre celeiro.

Bibliografía:
As tipoloxía dos cabazos e as súas características son froitos das consultas das publicacións:
- ”O hórreo atlántico ou fisterrán” ( 2010), da autoría de Xosé María Lema e Carlos Fernández.
- “O Atlas de Hórreos de Galicia” (2017), da autoría de Carlos Regueira.

TESOUROS DE BERDOIAS

Comentarios