Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Tesouros de Berdoias (XIII): Cabazos vellos, cabazos novos. Cabazos pequenos, cabazos longos...

Continuamos da man “Asociación Parroquial de Berdoias“ e o Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM), recuperando o rico e variado patrimonio que atesouran os lugares da parroquia vimiancesa de Berdoias. Hoxe seguimos falando de cabazos.
Tesouros de Berdoias-Cabazos
Tesouros de Berdoias (XIII): Cabazos vellos, cabazos novos. Cabazos pequenos, cabazos longos...

MOSTRA DO PATRIMONIO MATERIAL DA PARROQUIA DE BERDOIAS (XIII)
CONSTRUCIÓNS DE ALMACENAMENTO DO GRAN:
CABAZOS VELLOS, CABAZOS NOVOS. CABAZOS PEQUENOS, CABAZOS LONGOS…

Entre os estudosos hai coincidencia xeral en subliñar a harmonía dos cabazos coa paisaxe. Mesmo, Xosé María Lema ten manifestado que: “A simple presenza dun cabazo fainos recoñecer unha paisaxe rural galega”. E tal acontece cando recorremos a parroquia de Berdoias, un territorio de case 100 cabazos.

Calquera camiñante ten a oportunidade de apreciar a presencia e a compaña destas arquitecturas denominadas atlánticas ou de arco fisterrán, de diferentes idades: máis novas ou máis vellas; de diferentes formas e solucións construtivas, con predominio da variedade soneira; de emprazamentos: cabazos a rentes do chan,ou sobre repisas…; de variadas dimensións: desde os máis pequenos con tres parellas de pés, ata os máis longos de dez – aínda que máis do 50 % dos cabazos da parroquia oscilan entre 5, 6 ou 7 parellas de pés.

Velaquí exemplares de atlánticos ou de arco fisterrán:

1.- Vello cabazo en Grixoa, de oito pares de pés, da variedade de soneira rústica, cos seus pés curtos e grosos, pouco debastados, o mesmo que as súas capas convexas. Sen testas nas partes estreitas, ten unha cámara conformada por ringleiras de pedras irregulares, moi pouco labradas.

foto 1-Cabazo en Grixoa, da variedade soneira rústica. copia
En Grixoa, da variedade soneira rústica

 

2.- Pequeno e vello cabazo en Grixoa, da variedade soneira, cos tres pares de pés, grosos e moi curtos, directamente apoiados no chan. Cunha cámara hermética, cos ventos moi estreitos, e con pontes nos lados longos, esas laxes sobre as que se apoian ringleiras de doelas de diferentes tamaños, pero xa máis traballadas cás dos cabazos rústicos. Non ten pontes testeiras nas partes estreitas, unha caracteristica exclusiva desta variedade soneira. Non rematan con ornamentos.

foto 2-Vello cabazo en Grixoa, da variedade soneira copia
En Grixoa, da variedade soneira

 

3. Cabazos en Boallo e Romar, os máis longos da parroquia, de dez pares de pés. Son os dous da variedade soneira e nos que se poden apreciar diversas solucións construtivas.

foto 3-Cabazos en Boallo e Romar, os máis longos da parroquia
Cabazos en Boallo e Romar, os máis longos da parroquia

4. Dous cabazos novos en Berdoias, dos poucos exemplares de cantería que hai na parroquia. Son cabazos atlánticos, da denominada variedade carnota. Cos pés esveltos: troncocónicos, nun deles, e prismáticos, no outro. Capas en roda, nun , e troncocónicas, no outro.. Destacan polas súas cámaras de doelas ben puídas, de iguais dimensións, ben encaixadas entre elas, e con físgoas ou ventos perfectamente regulares. E, característico nesta variedade, rematan con ornamentos: unha cruz e un pináculo.

foto 4-Cabazos novos en Berdoias de cantería da variedade carnota
Cabazos novos en Berdoias de cantería da variedade carnota

 

TESOUROS DE BERDOIAS

Comentarios