Tesouros de Berdoias (XXIV): As vellas Casas-Vivenda (I): A Casa Grande de Alonso de Lema II e o Pazo de Martiño de Castiñeira

Continuamos da man da “Asociación Parroquial de Berdoias“ e do Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM), recuperando o rico e variado patrimonio que atesouran os lugares da parroquia vimiancesa de Berdoias.

MOSTRA DO PATRIMONIO MATERIAL DA PARROQUIA DE BERDOIAS (XXIV):
AS VELLAS CASAS-VIVENDA (I);
A CASA GRANDE DE ALONSO DE LEMA II E O PAZO DE MARTIÑO DE CASTIÑEIRA

A Casa Grande de Alonso de Lema II en Berdoias, de principios do XVII, e o Pazo de Boallo do seu fillo Martiño de Castiñeira, de mediados do XVII, son dúas antigas casas fidalgas que resultan ser as casas- vivenda máis emblemáticas da parroquia.

 

A Casa Grande de Alonso de Lema II


Casa Grande de Alonso de Lema II, en Berdoias

Integrada dentro do núcleo do lugar de Berdoias, é unha casa-vivenda rectangular, de case 13 m de longo, e que consta de planta terrea e sobrado. Sin cheminea (o fume saía por entre as tellas dun teito que era a tres augas).
Ten unha fachada de cantería con pezas de gran tamaño na súa maior parte, dispostas un tanto irregularmente. E na súa parte central, unha porta alintelada cunha inscrición de quen fixo a casa e a data: Alonso de Lema II en 1607. No mesmo lintel, completando a inscrición, aparecen os gravados dunha palma e dunha espada, emblemas do "Santo Oficio da Inquisición" da que Alonso de Lema II figurou como "comisario". Precisamente, cun dos seus informes, evitou a morte das " 6 bruxas de Carantoña" e permitíu a súa liberación. (1)


Inscrición no lintel da porta da Casa Grande de Alonso de Lema

Esta Casa Grande de Berdoias ten como construcións adxectivas:

no lado norte, unha dependencia adosada, duns 12 m de longo, dedicada no seu día a corte para o gando, e que ten unha interesante porta tamén alintelada- un lintel sobre machóns. E mesmo a continuación, mais ó norte, a boa feitura de muros, xunto cun amplo portal e un alto paredón que cercan unha finca, son indicativos dunha posible vinculación, noutras épocas, coa propia Casa.

No lado sur, conserva o chan da eira. E no leste, na finca posterior da Casa, atópase o cabazo.


Casa de Alonso de Lema II (parte posterior)

 

O PAZO DE BOALLO


O Pazo de Boallo (ala loeste)

Encadrado na aldea de Boallo, foi unha espléndida casa fidalga de pedra, de 18 m de lonxitude, que se atopa practicamente en ruínas, seguen en pé as paredes de cachotería e de cantería de tamaño irregular.

Na fachada oeste, quedan os restos dunha escaleira de pedra que conduce a un patín cuberto, e que daría acceso ó sobrado.

Na parte posterior do edificio (lado leste) tamén queda unha escaleira de pedra de dous tramos que remata nunha solaina co teito apoiado en 5 columnas.


Escaleira e solaina no pazo de Boallo (ala leste)

Na parede norte, sobre parte dun sobrado de grandes lousas de pedra, aínda seguen en pé os restos dunha espléndida cheminea, e dun forno, o máis grande dos da parroquia, con cheminea propia. O bombo cuadrangular deste forno sobresae ó exterior sobre tres columnas (hoxe, quédanlle só dúas).


Cheminea grande do pazo, e forno con cheminea propia


Boca e bóveda do forno


Bombo exterior do forno do pazo de Boallo

Na contorna do pazo aínda se conservan unha boa mostra doutras construcións adxectivas:

A carón da fachada principal, no lado oeste, permanecen restos da calzada que discorre cara fóra do lugar; no pinchón sur, leva adosado o edificio dunha tulla; e na extensa finca, no leste do pazo: unha eira, un pozo e un lavadoiro, dous vellos cabazos atlánticos- soneiráns, e os restos dunha capela e dun cruceiro…


Vellos cabazos soneiráns do pazo de Boallo


Capela de San Roque e cruceiro, do pazo de Boallo

Desde a segunda metade do século XVI deica finais do século XIX a longa saga fidalga dos Lema señoreou os coutos de Berdoias e Boallo, e incluso os coutos das Edreiras (Zas) e Soesto (Laxe). Despois, as rendas destes territorios remataron sendo outorgadas, no 1887, ós Blanco Rajoy.

 

*(1) Berdoias garda memoria sobre a Inquisición, a través desta copla popular que, transmitida polas vellas e vellos, chega a nós pola veciña e cantareira Carme da Gelfa:

”A Santa Inquisición murríu /
vai cos demos no inferno, /
os demonios tan contentos /
teñen leña pró inverno".

 

(Boa parte destes contidos e das fotografías, proceden do traballo de campo “Inventario do Patrimonio Etnográfico” feito por Xosé María Lema, Roberto Mouzo, e Moncho Gándara no ano 1993, para a Xunta de Galicia.)

 

TESOUROS DE BERDOIAS