Martes. 19.03.2024
El tiempo

Tesouros de Berdoias (XXI): Ermidas, Capelas, Cruces e cruceiros

Continuamos da man da “Asociación Parroquial de Berdoias“ e do Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM), recuperando o rico e variado patrimonio que atesouran os lugares da parroquia vimiancesa de Berdoias.
Patrimonio de Berdoias-Igrexas
Tesouros de Berdoias (XXI): Ermidas, Capelas, Cruces e cruceiros

MOSTRA DO PATRIMONIO MATERIAL DA PARROQUIA DE BERDOIAS (XXI):
CONSTRUCIÓNS DE RELIXIOSIDADE:
ERMIDAS. CAPELAS, CRUCES, CRUCEIROS DA PARROQUIA DE BERDOIAS

Deixando á parte a Igrexa parroquial e o cruceiro do adro, ímos referirnos a algunhas daquelas sinxelas arquitecturas de finalidade relixiosa, tales como:

- A ERMIDA DE SANTA CRISTIÑA, en Sta. Cristiña, que se compón dunha pequena nave rectangular e unha capela maior de planta cadrada,. Ten unha fachada de esquema pentagonal e que remata nunha pequena espadana que alberga unha campá procedente, tal como constatou o camariñán Xosé Troiano, do vapor ingles Priam, que naufragou en. 1889 polas illas Sisargas. Esta pequena ermida, a carón dos montes do Faro e de Ogas, ten pretiño unha fonte milagreira, e o seu culto está vinculado ó mundo agrario. Precisamente, a caron do seu altar hai un oco con terra sagrada que, mediante a realización de determinado rito, é benéfica para os partos e para unhas boas crianazas.

2 Ermida de Santa Cristiña copia
 Ermida de Santa Cristiña

3 Furna con  Terra da fertilidade, a carón do altar da ermida copia
 Furna con Terra da fertilidade, a carón do altar da ermida

4 Fonte milagreira de Sta. Cristiña copia
Fonte milagreira de Sta. Cristiña

Detalle da campá da ermida
Detalle da campá da ermida

- A CAPELA DE SAN ROQUE E O CRUCEIRO, en Boallo, son dúas pequenas arquitecturas, hoxe en estado ruínoso e de abandono, vinculadas ao pazo de Boallo, construído a mediados do século XVII. Da capeliña tan só quedan as paredes. Do cruceiro, unha plataforma escalonada de catro banzos,sobre o que se conserva só o varal: cuadrangular na súa parte baixa, e cilíndrico e acanalado no resto onde hai esculpida unha figura non identificada. Cabe a posibilidade de que a imaxe represente a do bispo San Ildefonso ou mesmo a de San Martiño, xa que calquera dos dous teñen nomes que aparecen na liñaxe desta casa dos Lema de Berdoias.

5 Capela de San Roque e Cruceiro, en Boallo copia
Capela de San Roque e Cruceiro, en Boallo

6 Varal do cruceiro do pazo de Boallo copia
Varal do cruceiro do pazo de Boallo

- AS CRUCES DE PEDRA DO FRADE: unha delas, coa plataforma dun penedo natural, ten como lenda asociada a dun monxe devorado por lobos neste lugar, cando ía de camiño polo monte cara o mosteiro de Moraime. A outra das cruces, está situada nunha encrucillada en pleno lugar de Pedra do Frade.

7 Cruz da Pedra do Frade copia
Cruz da Pedra do Frade

8 Cruz no lugar da Pedra do Frade. copia
Cruz no lugar da Pedra do Frade

- A CRUZ DE GRIXOA, coñecida como a Cruz do Varelo, á saída do lugar de Grixoa, no inicio do camiño que conducía ata a vella igrexa parroquial, hoxe desaparecida, e que ata o século XVII estaba en Grixoa (precisamente o nome de Grixoa vén de “igrexa”).

Cruz de Grixoa ou do Varelo, en Grixoa copia
Cruz de Grixoa ou do Varelo, en Grixoa

10 Cruz de desgraza, nunha parede, camiño de Sta. Cristiña. copia
Cruz de desgraza, nunha parede, camiño de Sta. Cristiña.

TESOUROS DE BERDOIAS

Comentarios