Un deficiente Servizo de Axuda no Fogar


Vén de presentar un informe o Concello de Vimianzo no que recoñece que as arcas municipais perden máis de 60.000€ co Servizo de Axuda no Fogar en apenas 3 anos. O informe, baseado en datos son oficiais, aportados pola Traballadora Social, a Intervención e a Secretaría, declara que as auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar tiñan un xornada real nun 42 por cento inferior á teórica. “trátase dun preocupante déficit, froito dunha mala xestión deste servizo”, recoñecen.
A xestión municipal do SAF a persoas dependentes significa un sobre-gasto de 63.706,50€ con respecto ao que custa o servizo que ven prestando a empresa cando cubre as ausencias das auxiliares municipais. Esta foi unha das alarmas que levou ao goberno municipal a adoptar a decisión de adaptar a xornada laboral teórica das auxiliares municipais á xornada real. A empresa cobrou un prezo de 12,40€ hora ao concello polas substitución das auxiliares por mor de baixas, vacacións e outras ausencias durante os pasados tres anos. Os prezos reais do concello por hora foron subindo cada ano: 16,41€ en 2013, 17,39€ en 2014 e 17,85€ en 2015.
O concello tivo durante estes tres últimos anos contratadas sete traballadoras a xornada completa. Considerando 217 días de traballo efectivo ao ano supón un total de 12.152 horas ao ano de traballo efectivo. Nos tres útimos anos as horas de traballo efectivo teóricas das auxiliares do SAF deberían ser 36.456 horas. Porén, as horas reais efectivamente prestadas no SAF a persoas dependentes, e por libre concorrencia suman un total de 21.122 horas. Xa que logo, o concello pagou ás auxiliares un total de 15.334 horas que non foron de prestación do servizo efectivo aos usuarios. É dicir, as auxiliares tiñan unha xornada real inferior nun 42% á teórica. As horas reais pretadas polas auxiliares no ano 2013 ascendía a 7476 horas, baixando no 2014 a 7018 horas e no 2015 a 6536 horas efectivas, polo que a diferenza de horas desde o 2013 ata o 2015 é de -940 horas.
O alcalde lamenta que se politizara este asunto. De feito é significativo que ningún sindicato defenda as demandas das auxiliares, e que mesmo a súa avogada sexa unha política, presidenta do Consello da Xunventude de Galicia e Parlamentaria.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).