Unha nova denuncia contra o alcalde de Vimianzo
Segue convulsa a vida política municipal no Concello de Vimianzo, e unha nova denuncia vén a empapala aínda máis. Os concelleiros que presentaron a moción de censura en Vimianzo, e que aínda non efectivizaron, veñen de presentar unha denuncia diante do Xulgado de 1ª Instancia núm. 1 de Corcubión contra o Alcalde, o Tenente-Alcalde e dous funcionarios municipais. Como consecuencia lóxica dunha denuncia de particulares o xuíz vén de ditar providencia para tomar declaración ao Alcalde no vindeiro mes de setembro, para garantir que o Alcalde poida defenderse da mesma a través de procuradores e avogados.
Dende o Concello aseguran que o alcalde non interviu no procedemento da moción de censura, xa que é a secretaria a encargada de levar o asunto. Por iso, Manuel Antelo móstrase convencido de que “este asunto vai rematar en nada, e unha mostra diso é que tan só se lle chama a declarar a el, e non aos funcionarios”.
O alcalde saca as criticas contra os censores: “O cambio político en Vimianzo é a loita contra a corrupción, que se pon de manifesto, entre outras cousas, nas prácticas irregulares de traballadores municipais que deron lugar á apertura de expedientes disciplinarios, cunhas prácticas que beneficiaron ao contorno do anterior goberno e de concelleiros actuais. Aí está, por exemplo, a concesión dunha licenza á empresa da que é xerente a concelleira Mónica Rodríguez, por un informe do arquitecto municipal que foi anulada co informe favorable preceptivo do Consello Consultivo de Galicia; aí están as irregularidades urbanísticas da concelleira tránsfuga, Montserrat Vázquez, que se puxeron de manifesto logo de solicitar a prórroga dunha licenza; aí está a condescendencia no consumo de auga da empresa de Mónica Rodríguez e dos concelleiros tránsfugas Rodríguez Blanco e Montserrat Vázquez; aí está o sobrecuste de máis dun millón de euros pola Casa da Cultura, cobrado pola empresa Rodríguez Lema SL ou os prezos dos subministros no contrato exclusivo que esta empresa tiña co concello, superando no triplo o prezo do mercado”, denuncia Antelo.
Paralelamente, chega este venres 27 de xuño ás 20.30 horas, o pleno solicitado pola oposición para intentar rebaixar, por terceira vez en dous meses, o soldo do alcalde, a pesar de que un informe de Secretaría declara ilegal a proposta de rebaixa do rexedor vimiancés.
O que parece claro é que as municipais do 2015 van ser quentes por Vimianzo…
Novas relacionadas
- 23-06-14: Un informe de Secretaría declara ilegal a proposta de rebaixa do alcalde vimiancés.
- 11-06-14: Os edís censores de Vimianzo convocan outro pleno para rebaixar a dedicación do alcalde.
- 07-06-14: O Valedor do Pobo arquiva a denuncia dos concelleiros opositores contra o alcalde de Vimianzo.
- Cruce de declaracións entre alcalde e edís non adscritos sobre as retribucións en Vimianzo.
- O Goberno de Vimianzo acusa á oposición de seguir poñendo trabas.
- O PP vimiancés bota leña ao lume municipal.
- 30-04-14: Os censores convocan un pleno para eliminar a dedicación exclusiva do alcalde vimiancés.
- 29-03-14: A política ponse de costas en Vimianzo.
- 12-03-14: O PSOE expulsa provisionalmente aos edís promotores da fallida moción de censura.
Fonte
- Nota de prensa do grupo de goberno do Concello de Vimianzo.