Vimianzo clausura o inverno e presenta o Vimiverán
Esta pasada semana tiveron lugar as demostracións das escolas municipais do Concello de Vimianzo.
Pero a vila xa pensa no verán e deu a coñecer a programación para o Vimiverán 2022. Un programa de conciliación que se basea no deporte, o teatro e a gastronomía, tendo a igualdade como elemento transversal.
O Vimiverán levarase a cabo de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas e ofrecerase a posibilidade de incorporarse ás 8:00 horas da mañá, naqueles casos en que sexa necesario para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
A primeira quenda, será do 27 de xuño ao 15 de xullo, con dúas opcións. En Vimiteatro, para o que hai dispoñibles 65 prazas, desenvolveranse dinámicas teatrais para achegar a rapazada ao mundo do teatro e a temática será arredor do Asalto ao Castelo, ca finalidade de que coñezan a súa historia e festa. Estará destinado para nenas e nenos nacidos entre o 2010 e o 2019.
En Vimideporte, para o que hai dispoñibles outras 65 prazas, desenvolveranse tamén dinámicas lúdico-deportivas ambientadas no Asalto ao Castelo. Para nenas e nenos nacidos entre o 2010 e o 2019.
A segunda quenda será do 18 de xullo ao 5 de agosto, tamén con dúas posibilidades. En Vimichef, pensado para 20 nenas e nenos, desenvolveranse accións para os coñecementos de técnicas culinarias básicas, ademais de incluir a participación no concurso Vimichef. Está pensado para nenas e nenos nacidos entre o 2010 e o 2016. Desenvolverase na aula de cociña da Escola de Reboredo, en Salto.
Para Vimideporte, pensado para 90 rapazas e rapaces, desenvolveranse dinámicas lúdico-deportivas enfocadas ao achegamento da rapazada ao coñecemento, coidado e respecto do medio ambiente, reciclaxe e prácticas deportivas respectuosas co medio ambiente. Para nenas e nenos nacidos entre o 2010 e o 2019.
A terceira quenda, do 9 ao 26 de agosto, terá as posibilidades de Vimichef e Vimideporte.
Por último, a cuarta quenda será do 29 de agosto ao 2 de setembro. A través dun taboleiro de xogos cos recursos de Vimianzo, a rapazada coñecerá o municipio como unha ferramenta educadora, non neutra á que nos aproximamos desde o xogo. Reservaranse 100 prazas para nenas e nenos nacidos entre 2010 e 2019 en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Vimiverán nas parroquias
Para as parroquias, está previsto que se desenvolvan tamén programas propios do Vimiverán, en tres quendas. A primeira, do 27 de xuño ao 15 de xullo. A segunda, do 18 de xullo ao 5 de agosto e a terceira quenda, do 9 ao 26 de agosto. Están pensadas para nenas e nenos nacidos entre o 2010 e o 2019, en horario de 10:00 a 14:00 horas. O número mínimo para cubrir as prazas é 15.
INSCRICIÓNS
As preinscricións poderán efectuarse de xeito telemático ou na Casa da Cultura desde o 1 ao 17 de xuño. Terá preferencia a rapazada empadroada en Vimianzo e o sorteo de prazas será o 21 de xuño. A formalización da matrícula e o pago das taxas será entre o 22 e o 25 de xuño, sendo o prezo por quenda ou actividade de 50 euros, con desconto de 5 euros por familia numerosa.