Venres. 05.06.2020
El tiempo

Vimianzo non pecha en agosto

Vimianzo non pecha en agosto
 

30 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos chagaban onte ao Salón de plenos do concello onde os agardaba o alcalde para dar comezo a unha semana de actividades deportivas e culturais no Pequecampamento Vimiverán con manualidades, xincanas, xogos, excursións, etc. en horario de 10 a 14 horas.

Pero a programación cultural e deportiva non colle vacacións no mes de agosto, xa que o mércores día 1 comezará o curso de natación para nenos e nenas a partir de 5 anos e para adultos, que terán lugar de luns a venres polas mañás. Durante todo o mes terá lugar, na piscina primeiro e despois no río Grande en Pasarela, o curso de piragüismo, para nenos e nenas a partir de 8 anos que saiban nadar.

Carreira Pedestre

O domingo día 5 de agosto a cita deportiva da Costa da Morte está no concello de Vimianzo coa I Carreira pedestre. A partir das 10 da mañá comezarán a carreira para a categoría xuvenil, rapaces e rapazas de 16 e 17 anos, que percorrerán unha distancia de 2 Km. A mesma ditancia percorrerana os cadetes (14-15 anos) que sairán ás 10.30 horas. Ás 11 da mañá comezará a carreira de 10 Km. para as categorías junior, senior, m40 e m50. e finalmente comezarán as categorías de menor idade: infantía ás 12, alevíns ás 12.20 e por último os benxamíns sairán ás 12.40 horas. O prazo para inscribirse remata mañá e as inscricións poden facerse en www.championchipnorte.com ou www.vimianzo.es.

Descenso do Sella

Os seguintes en gozar do seu campamento de verán  serán os mozo e mozas entre 13 e 18 anos que se desprazarán tres días a Asturias para realizar o descenso do Sella, con visitas culturais a Xixón e Ribadesella. Sairán o día 6 de agosto e regresarán o 8 coas pilas cargadas para as festas do verán.

Talleres

Os máis pequenos terán esta semana das festas talleres culturais todos os días pola mañá, O luns, martes, xoves e venres, divididos en dous grupos por idades, participarán en diferentes talleres de barro, de fieltro, de elaboración de pulseiras e chaveiros con material reciclado, elaboración de carteiras etc. O mércores o día resérvase para a cestería e comjezará cun obradoiro de cestería infantil na biblioteca ás 9.30 na biblioteca para participar despois con Raquel Queizás nos “Contos do cestiño” ás 12.30 e despois das festas, o luns 13, terán diferentes actividades no Día do neno.

Exposicións

Tamén hai lugar para as exposicións, se ben nestes días aínda se pode visitar a exposición da antas da Costa da Morte do Seminario de Estudos Comarcais, o día 9 inaugúrase unha nova exposición de fotografía da man do vimiancés Xoán Carballo baixo o título “Todo a man, cerca de ti”. E desde o 13 ata o 19 de agosto, no centro social poderá visitarse a Exposición Aves de Galicia con visitas guiadas cada hora.

E máis deporte de aventura

O deporte pecha tamén o mes cunha xornada de rafting no río Ulla o sábado 18 de agosto para a que aínda está aberta a inscrición e o luns 20 un día de multiaventura no ecoparque de Marín.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Vimianzo.

comentarios