Vimianzo, ou como gozar do patrimonio por Semana Santa


A combinación patrimonial Castelo Vimianzo-Ruta do Megalistismo-Torres do Allo pode ser unha das apostas máis interesantes para esta Semana Santa. Se xa coñecemos que segredos agocha o pazo zaseiro hoxe centrámonos nas propostas do intenso programa de actividades do Concello de Vimianzo para gozar do patrimonio durante a semana de Pascua.
A idea é que Vimianzo se siga situando como todo un referente en turismo cultural, unha das modalidades turísticas favoritas nestas datas próximas de Semana Santa polo que o municipio soneirá intensificará os horarios de apertura aos seus recursos musealizados máis senlleiros (Castelo e Conxunto Etnográfico do Mosquetín), ademais de presentar un intenso programa de actividades turístico – culturais de xoves a domingo, onde se inclúen visitas guiadas e teatralizadas por parte da compañía “Os Quinquilláns”, así como un roteiro temático moi especial.
Ruta temática do Megalitismo
Un dos recursos culturais mais importantes que atesoura Vimianzo é a súa alta concentración de exemplos megalíticos, de feito a súa “Ruta dos dolmens” cada ano suma adeptos entre os afeccionados á arqueoloxía e a historia. Durante a Semana Santa, un itinerario visitará en grupo organizado algún dos monumentos desta ruta temática, en concreto achegarase a Pedra Cuberta, Pedra Moura e Pedra da Lebre nas parroquias de Treos e Serramo. Para asistir é obrigada a inscrición dende o Concello, onde organizan e ofrecen toda a información das actividades na súa Oficina de Turismo.
Novas relacionadas
- A artesanía e a tradición enchen de vida o Castelo de Vimianzo e as Torres do Allo.
- A artesanía mantén vivo o Castelo de Vimianzo.
- As Torres do Allo, novo punto de encontro na Semana Santa costeira.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).